Galicia acolle un encontro para analizar o futuro da frota oceanográfica europea e o seu labor de apoio á ciencia

A xornada está organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar e polo European Marine Board e celébrase o próximo día 23 en Vigo

Distintos expertos analizarán as posibilidades de mellorar a eficiencia destes medios e o xeito de optimizar o seu uso

Vigo, 18 de xaneiro de 2020

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar organiza o vindeiro 23 de xaneiro xunto ao European Marine Board (EMB) un encontro para analizar o presente e o futuro da frota europea de buques de investigación. O evento, que se celebra na sede do Cetmar e que contará coa participación de distintos expertos na materia, enmárcase na publicación do documento A próxima xeración dos buques europeos de investigación: estado actual e evolución previsible, froito dunha colaboración entre EMB e a asociación de operadores europeos de buques de investigación (ERVO).

Esta publicación presenta unha visión xeral da frota actual, das súas capacidades e equipos e da súa xestión ao tempo que mira cara ao futuro destacando o que será necesario para garantir que a frota europea poida seguir brindando o mesmo nivel de apoio á ciencia.

O documento tamén analiza a capacitación do persoal desta frota, a xestión da mesma e o papel dos buques de investigación no contexto máis amplo das observacións oceánicas e o Sistema Europeo de Observación do Océano (EOOS). Tamén explora fórmulas para lograr maior eficiencia a escala local, rexional e europea co obxectivo de garantir o mellor uso posible destas infraestruturas.

A Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, considera que a análise presentada neste informe é de relevancia clave non só para orientar o futuro destas infraestruturas de investigación mariña senón tamén para comprender o potencial futuro deste sector, cunha importante incidencia en industrias como as de construción naval e tecnoloxía marítima en Europa.

Na xornada, que se celebrará na sede do Cetmar e organizada tamén coa colaboración do proxecto europeo Mates, difundiranse os resultados deste informe para propiciar unha discusión aberta que involucre a diferentes grupos de interese entre os que se atopan a comunidade investigadora, as industrias vencelladas ás diferentes actividades relevantes, as institucións de capacitación e educación e as axencias e administracións de financiación con competencias neste ámbito. O encontro é aberto, con rexistro de inscripción na web https://cetmar.org/seminarios/ResearchVessels/.

Data de actualización: 18/01/2020