Conde avalía coa alcaldesa de Trazo vías de colaboración para impulsar o emprego e a economía do concello

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou á rexedora municipal, Josefina Suárez, das vantaxes de ser un Concello Emprendedor, distintivo co que xa contan 33 municipios da provincia da Coruña

Desde 2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsou investimentos por 600.000 euros en Trazo en eidos como a dinamización empresarial, o aforro e a eficiencia enerxética ou as políticas activas de emprego

Nas próximas semanas, a Xunta publicará diferentes programas de axudas para que as entidades locais contraten persoas desempregadas

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión coa alcaldesa do concello coruñés de Trazo, Josefina Suárez, na que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar o emprego e a economía do municipio.

Desde 2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou ao Concello, empresas e veciños de Trazo con axudas por máis de 350.000 euros, que permitiron mobilizar investimentos por 600.000 euros en eidos como a dinamización empresarial, o aforro e a eficiencia enerxética ou as políticas activas de emprego.

No encontro, o conselleiro sinalou que desde a Xunta se poñen en marcha cada ano diferentes programas de axudas para que os concellos impulsen a contratación de persoas desempregadas, como o Aprol Rural, o destinado a persoas perceptoras da Risga, ademais do que permite incorporar axentes de emprego e desenvolvemento local. Estes apoios publicaranse nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia. Pola súa banda, a alcaldesa solicitou a colaboración da Xunta para que o municipio conte cun mellor servizo de telefonía.

Do mesmo xeito, Conde informou á rexedora das vantaxes que suporía para Trazo ser Concello Emprendedor, unha iniciativa que permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética.

A cambio, os concellos comprométense a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio. Galicia conta xa cun total de 131 Concellos Emprendedores, dos cales 33 pertencen á provincia da Coruña. A alcaldesa de Trazo comprometeuse a estudar a adhesión a esta iniciativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2020