A Xunta destaca en Santiago a alianza do comercio de proximidade coa Semana Santa compostelá

O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, participou na presentación da Semana Santa 2020, na que Compostela Monumental colabora cunha app que inclúe unha Guía de Comercio e Servizos

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, destacou hoxe o papel do comercio de proximidade na dinamización económica e cultural de Santiago de Compostela, supoñendo un dos seus principais atractivos turísticos e un importante motor de emprego.

Borja Verea participou na presentación de diferentes iniciativas para a celebración da Semana Santa en Santiago de Compostela, entre as que se atopa unha app con información sobre os actos que inclúe unha Guía de Comercio e Servizos elaborada pola asociación de comerciantes Compostela Monumental.

Na súa intervención, o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria destacou a implicación desta entidade na proxección da Semana Santa compostelá, que, segundo apuntou, pode converterse nun proxecto cultural integral para a cidade, coa vista posta nun Xacobeo 2021 que servirá para proxectar a imaxe espiritual, patrimonial e cultural de Santiago por todo o mundo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/01/2020