A Xunta asina con Seaga a encomenda para a retirada de niños de velutina no marco do plan acordado cos concellos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que este novo sistema, dotado con 2,3 millóns de euros, ofrecerá unha resposta profesional e homoxénea nas zonas afectadas

O operativo contará cun total de 80 efectivos e comezará a funcionar xa a partir da próxima semana

O programa posto en marcha entre a Xunta e a Fegamp conta con 275 concellos adheridos, nove de cada dez dos municipios da comunidade

Boqueixón (A Coruña), 17 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe a encomenda para que a empresa pública de Servizos Galegos (Seaga) asuma a retirada e destrución dos niños da vespa velutina en todo o territorio galego, no marco do plan de loita contra esta especie acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o pasado outubro. A resolución tamén sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.

Ao acto tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández.

Alfonso Rueda destacou o interese dos concellos galegos nesta iniciativa que, a día de hoxe, conta con 275 municipios adheridos, o que supón case o 90% dos municipios da comunidade. Nesta liña, incidiu en que con este plan a Xunta, en colaboración cos concellos integrados no programa, ofrece unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas para levar a cabo os traballos de retirada de niños.

O Goberno galego contará para esta tarefa coa empresa Seaga, que se encargará de retirar e neutralizar os niños da vespa velutina. Para aqueles que estean situados en lugares accesibles e a menos de 25 metros de altura, o prazo de resposta será de cinco días hábiles desde que se reciba o aviso da incidencia no número de información 012. Nos casos dos niños inaccesibles e que non estean en altura, o tempo de actuación poderá ser superior aos cinco días.

O equipo de intervención contará con 76 traballadores, que se distribuirán nos cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, en función da evolución do número de avisos. A eles súmanse outros catro traballadores que forman parte do equipo de coordinación para levar a cabo tarefas de carácter técnico e administrativo. Por tanto, entre o persoal de coordinación e intervención o equipo está integrado por 80 profesionais. Os efectivos empezarán a traballar xa desde a próxima semana.

O vicepresidente da Xunta destacou que o persoal da empresa Seaga contará con formación específica para o tratamento desta praga, de acordo a normativa vixente que regula capacitación para realizar tratamentos con biocidas recollida no Real decreto 830/2010, do 25 de xuño. Ademais, os equipos de intervención disporán do material e medios necesarios para realizar o traballo con tódalas garantías de seguridade.

A Administración autonómica tamén reforzará a comunicación entre a Xunta e os concellos adheridos ao plan a través do portal de internet de eido local e comunicará ás entidades locais os avisos de niños recibidos no seu ámbito e das actuacións realizadas.

A Xunta da un paso máis con este acordo con Seaga no plan posto en marcha de forma coordinada entre o Goberno galego e a Fegamp. O programa conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. O Goberno galego xa vén traballando desde o 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha deste plan para frear o seu avance.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/01/2020