A Xunta convoca as axudas do Fondo de Compensación Ambiental para este ano por importe de 11 millóns de euros

Dende o ano 2010, o Goberno galego ten en marcha estas axudas pola cales os ingresos derivados do canon eólico, se destinan á conservación, reposición e restauración do ambiente

Como novidade nesta convocatoria, serán financiados os proxectos que contribúan a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o ambiente das medidas de eficiencia enerxética e impulso da sustentabilidade ambiental

A liña en concorrencia competitiva incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia, cun orzamento de 11 millóns de euros.

Serán principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes, sendo tamén beneficiarios os cidadáns galegos mediante actuación acometidas nos seus concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Como novidade nesta convocatoria, os proxectos que contribúan a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o ambiente das medidas de eficiencia enerxética e impulso da sustentabilidade ambiental no sector público local, ao que poden contribuír as campañas divulgativas municipais para a sensibilización sobre a importancia das medidas de protección ambiental e de eficiencia enerxética, serán financiables por primeira vez ao abeiro desta Orde.

A convocatoria de axudas inclúe dúas liñas , a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación e as subvencións de natureza competitiva que incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

Considéranse gastos subvencionables os custes de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, A adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles; actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables; guías de actuación de medidas de aforro e eficiencia enerxética no ámbito doméstico e comercial; edición de material divulgativo e recursos didácticos sobre valores ambientais ou espazos naturais; auditorías enerxéticas en edificios e dependencias das entidades locais, certificación enerxética de edificios municipais e plans para a implantación de estratexias enerxéticas municipais, entre outros.

Solicitude axudas

Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2018 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de agrupamentos de concellos ou solicitude conxunta para a xestión compartida, deberán cumprir con este requisito todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación deste requisito por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.

Dentro da liña en concorrencia competitiva, cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre e cando unha delas sexa individual e a outra sexa unha solicitude conxunta, de agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as dúas solicitudes deberán ser para actuacións diferentes. As mancomunidades e consorcios locais só poderán presentar unha solicitude. Na liña en concorrencia non competitiva, cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes sempre e cando unha delas sexa mediante a súa participación nunha solicitude conxunta.

A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2020