A Xunta investirá este ano case medio millón de euros en formar a profesionais do agro en prácticas innovadoras e de I+D

O orzamento de 2020 do Plan de transferencia tecnolóxica supón un incremento do 48% por cento con respecto ao do 2019

O obxectivo final do Plan é mellorar a eficacia e eficiencia das explotacións mediante a formación dos traballadores dos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario e forestal

A Xunta tamén oferta varios graos medios e superiores nos distintos centros da Consellería, así como formación continua ao persoal do sector agrogandeiro

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural investirá este ano case medio millón de euros no Plan de transferencia tecnolóxica, destinado a apoiar actividades de demostración e información ao agro galego. O orzamento é un 48% superior ao do exercicio de 2019, cando se desenvolveron un total de 211 accións das que se beneficiaron case 4000 profesionais do rural.

O principal obxectivo do Plan é ampliar a formación e mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario e forestal en todo o que ten que ver cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. A iniciativa tamén vai dirixida ás persoas mozas e ás mulleres que se incorporan ao medio rural.

As actividades de 2019 do Plan de transferencia tecnolóxica xiraron en torno á mellora da produtividade nos sistemas agrogandeiro e forestal, incluídas as producións silvopastorais. Tamén se abordaron as novas tecnoloxías, para que os usuarios puidesen incorporar prácticas innovadoras e iniciativas de I+D como elemento básico de competitividade das súas empresas.

Entre as accións desenvolvidas, xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), destacan as xornadas técnicas e talleres de prácticas, ademais das demostracións en campos de ensaio e a explicación e presentación de distintos cultivos agrícolas e forestais. A súa organización correu a cargo das oficinas agrarias comarcais, os distritos forestais, os centros de formación e experimentación agraria ou os centros de investigación forestal.

Ademais deste Plan de transferencia tecnolóxica, a Consellería do Medio Rural leva a cabo cada ano un Plan de formación nos distintos centros de formación (CFEA de Guísamo, CFEA de Sergude, CFEA de Becerreá, CFEA de Monforte de Lemos, CFEA Pedro Murias e o CFEA de Lourizán), onde se imparten varios graos medios e superiores. Tamén desenvolve un Plan de formación continua ao persoal do sector agrogandeiro, con cursos de temática variada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/01/2020