O 061 de Galicia asistiu a 61 persoas por 49 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 17 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 19 de xaneiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 60 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 61 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 17 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 19 de xaneiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 28 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 60 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 49 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 61 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63% e do 37% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre os 40 e os 54 anos.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron as que rexistraron máis accidentes con 20 sinistros de tráfico ambas as dúas durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
20
Lugo
4
Ourense
5
Pontevedra
20
Galicia
49

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 65. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en sete accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 50 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes.

En 53 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron non lugar do sinistro.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/01/2020