Balseiro destaca que a Xunta destina 767.000 euros a apoiar programas de catro entidades luguesas para impulsar o “reequilibrio e a vertebración social”

O delegado territorial da Xunta en Lugo e representantes dos colectivos beneficiarios informaron hoxe das iniciativas de carácter social que levan a cabo con cargo á asignación do 0,7% do IRPF

Estes fondos axudan a desenvolver programas impulsados por Aliad-Ultreia, Cáritas Diocesana de Lugo, Párkinson Lugo e Down Lugo
 

Lugo, 20 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe das axudas da Consellería de Política Social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que en Lugo suman un importe de 767.000 euros destinados a financiar os programas de carácter social que impulsan catro entidades sen ánimo de lucro.

Balseiro e representantes dos colectivos beneficiarios -Aliad-Ultreia; Cáritas Diocesana de Lugo; Asociación Párkinson Lugo e Down Lugo- deron a coñecer hoxe as principais accións que desenvolven estas entidades con cargo a esta liña achegas, que, segundo destacou o delegado, “constitúe un verdadeiro instrumento de reequilibrio e de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda”.

A través destes fondos, o Goberno galego axuda ao desenvolvemento de accións que levan a cabo estas entidades en distintos eidos, como a promoción da autonomía persoal, a atención ás persoas con discapacidade, a inclusión sociolaboral de persoas inmigrantes e solicitantes de asilo, a terapia familiar, o acompañamento a maiores que viven sós, a axuda ás persoas sen fogar ou o desenvolvemento de accións formativas dirixidas a mellorar a empregabilidade da xuventude e ao voluntariado.

No caso dos colectivos lugueses, estes recursos axudan a financiar accións como as impulsadas por Down Lugo (apoio ás familias, promoción do envellecemento activo para persoas con síndrome de Down, programas para favorecer o desenvolvemento persoal....); a contratación dun fisioterapeuta pola asociación Párkinson Lugo; o mantemento dun piso de acollida por parte de Aliad-Ultreia para as persoas reclusas de Bonxe e Monterroso que desfrutan de permisos penitenciarios e tamén os distintas iniciativas de carácter social que desenvolve Cáritas Diocesana de Lugo.

Balseiro puxo de relevo o importante labor que realizan estes colectivos e destacou que a través desta liña de axudas fináncianse tamén outras accións que levan a cabo distintas federacións e organizacións de ámbito autonómico, “pero que tamén teñen implantación na nosa provincia”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/01/2020