A conselleira do Mar asistiu á sinatura dun convenio de colaboración entre a confraría de Camariñas e a asociación de depuradores Agade
O complexo mar-industria de Camariñas beneficiouse desde 2009 de preto de 15 millóns de euros para mellorar as súas infraestruturas

As melloras nas instalacións portuarias deste concello contaron con máis de seis millóns de euros de investimento e os apoios á industria de transformación e comercialización dos produtos do mar superaron os tres millóns

Actualmente estanse a tramitar outras actuacións como as obras de emerxencia e o proxecto de acondicionamento e mellora da lonxa camariñá ou en materia de equipamentos como a fábrica de xeo da confraría

Rosa Quintana anima ao sector a traballar unido para mellorar a venda dos produtos pesqueiros e pon como exemplo o acordo acadado entre os mariscadores de Camariñas e a asociación de depuradores Agade

Camariñas (A Coruña), 21 de xaneiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de que os distintos elos da cadea mar-industria traballen xuntos para mellorar a súa actividade e lembrou que o sector pesqueiro de Camariñas contou desde 2009 con preto de 15 millóns de euros de investimento para impulsar o seu labor e mellorar as súas infraestruturas. A titular de Mar destacou estas cifras durante a sinatura dun convenio de colaboración entre a confraría de pescadores de Camariñas e a Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) para a compravenda de produtos pesqueiros, un convenio que puxo como exemplo de como se pode mellorar a venda dos produtos do mar traballando unidos.

A representante da Xunta lembrou que as infraestruturas portuarias deste concello rexistraron importantes melloras nos últimos anos, con investimentos de máis de seis millóns de euros e actuacións como a segunda fase da ampliación do peirao de Camariñas. Mentres, a industria local de transformación e comercialización obtivo máis de tres millóns de euros en apoios para mellorar as súas instalacións.

A estas actuacións súmanse os proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), que contaron con preto dun millón de euros en axudas, así como outros investimentos e proxectos de colaboración coas confrarías de pescadores como son a construción dunha nave de redes, cun investimento de máis de 230.000 euros, ou a modernización da descarga dos produtos pesqueiros, con preto de 50.000 euros de axuda.

Neste sentido, a conselleira do Mar incidiu en que Camariñas ten en marcha tamén importantes proxectos, como é o caso das obras de emerxencia previstas por Portos de Galicia na lonxa para facer fronte aos danos causados polos últimos temporais, cun orzamento de máis de 110.000 euros, ou o proxecto de acondicionamento e mellora da propia lonxa, que está a tramitarse cun investimento de máis de 280.000 euros. A eles súmanse tamén melloras na fábrica de xeo da lonxa de Camariñas por importe de máis de 100.000 euros.

Rosa Quintana destacou o importante traballo realizado nos últimos anos polo complexo mar-industria para impulsar a súa actividade pero remarcou que o sector ten marxe de mellora. “Sabemos pescar ben pero temos que vender mellor”, salientou, e explicou que iniciativas como a da confraría de Camariñas e a asociación Agade benefician a todas as partes implicadas e supoñen un exemplo para outras confrarías e asociacións.

O acordo subscrito favorece que a confraría poida vender mellor os produtos extraídos polos profesionais da entidade e permite que os depuradores poidan contar con produto para atender aos seus clientes, o que, ao mesmo tempo, dá valor aos recursos pois terán un prezo acorde coas poxas diarias que se rexistren na lonxa local.

Visitas a Camariñas e a Camelle

A conselleira do Mar aproveitou a súa asistencia á sinatura do convenio para comprobar o estado das instalacións da confraría de Camariñas e para coñecer de primeira man os traballos de mellora que se van facer no inmoble. Posteriormente desprazouse á confraría de pescadores de Camelle, no mesmo concello, onde estivo cos representantes da entidade para analizar a súa situación e escoitar as súas inquedanzas.

A lonxa de Camariñas poxou o ano pasado -con datos provisionais, non definitivos- preto de 4.200 toneladas de produtos do mar, o que sitúa o 2019 como o terceiro mellor ano desde 2009 en canto a mercadoría recibida. Esas vendas supuxeron unha facturación de case 4,4 millóns de euros. Mentres, no caso de Camelle, o balance provisional é de 13 toneladas descargadas e máis de 96.000 euros ingresados, a segunda maior facturación desde 2011.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 21/01/2020