A Xunta destinou nos dous últimos anos 188.000 euros a mellorar infraestruturas do parque empresarial da Pastoriza

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe o resultado dos traballos de renovación do firme nas vías do polígono, realizadas polo Concello co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Balseiro explicou que o DOG publica hoxe tres convocatorias de axudas cun orzamento global de 7,9M€ para impulsar a mellora das infraestruturas e os servizos dos parques industriais galegos

A Pastoriza (Lugo), 21 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia destinou nos últimos dous anos 188.000 euros ao concello da Pastoriza a través da orde de achegas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos.

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias -entre outras persoas- comprobou hoxe o resultado das obras de renovación do firme nas infraestruturas viarias do polígono deste municipio, nas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 74.000 euros.

Os traballos, executados polo Concello, consistiron no acondicionamento do pavimento mediante a extensión dunha nova capa de rodaxe con aglomerado en quente. Balseiro explicou que na anterior convocatoria deste programa, a Xunta destinou 114.000 euros a mellorar a rede de saneamento do polígono, para separar a rede de pluviais e de fecais.

Balseiro destacou que con este programa de axudas o Goberno galego busca impulsar “o desenvolvemento empresarial” da comunidade. Nese sentido, anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tres convocatorias de axudas cun orzamento global de 7,9M€ cos que se agarda mobilizar preto de 10M€ e apoiar unha trintena de iniciativas.

A principal novidade é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica (ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinarán 4,4M€ entre 2020 e 2021.

Ademais, a Xunta volve convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais cun orzamento de 2,5M€, e o programa para financiar a creación de viveiros industriais, no que se investirá 1 millón de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/01/2020