A Xunta comezará en febreiro as obras de saneamento de Santa María de Melide, tras adaptalas ás exixencias do Ministerio de Fomento

O Goberno galego investirá máis de 116.000 euros para dotar á parroquia dun novo sistema de saneamento que recolla as augas residuais urbanas naquelas vivendas carentes deste servizo e a súa conexión coa rede xeral

A intervención abranguerá actuacións nas marxes esquerda e dereita da estrada N-547 en dirección Santiago

A Xunta proxectará outra actuación á marxe deste contrato para darlle unha solución de saneamento axeitada a unhas vivendas situadas a una notable diferenza de cota con respecto ás demais

A Consellería de Infraestruturas continúa dende o pasado mes de abril á espera dun informe do Ministerio de Fomento para poder avanzar no proxecto de conexión do polígono industrial coa EDAR de Melide

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

A Xunta comezará en febreiro as obras de saneamento na parroquia de Santa María, en Melide, tras adaptalas ás exixencias do antigo Ministerio de Fomento, agora de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, investirá máis de 116.000 euros para dotar á parroquia dunha nova rede de saneamento. Estas obras contan co cofinanciamento do programa operativo FEADER 2014-2020.

Trátase dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolla as augas residuais urbanas naquelas vivendas carentes deste servizo e a súa conexión a rede xeral existente.

A parroquia de Santa María conta na actualidade cunha rede de saneamento na área que discorre pola marxe esquerda da estrada N-547 en dirección Santiago. Para mellorar esta situación, a intervención abarcará actuacións nas marxes esquerda e dereita da vía.

Nesta zona existen unhas vivendas situadas a una notable diferenza de cota con respecto ás demais, polo que se proxectará outra actuación á marxe deste contrato co fin de darlle unha solución de saneamento axeitada ás súas características.

Esta actuación enmárcase na cooperación da Xunta cos concellos galegos co obxectivo de que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos veciños do rural.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén ten previsto impulsar a conexión do polígono industrial coa EDAR de Melide, actuación que está pendente de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana emita un informe necesario, que foi solicitado en abril do ano pasado.

O Goberno central debe emitir un informe no que precise as condicións do deseño da planta e as características de trazado do colector con respecto á estrada nacional á que afectan estas obras hidráulicas. Neste sentido, en canto a Xunta dispoña deste documento, avanzará na redacción do proxecto para levar a cabo esta conexión do polígono coa depuradora.

Data de actualización: 22/01/2020