A Xunta traslada o seu apoio aos traballadores de Endesa e solicita ao Goberno a convocatoria da mesa das Pontes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión co grupo de traballo local por unha transición xusta para avaliar a situación actual

Ponse á disposición do Goberno central para atopar unha solución e insiste na necesidade de que reclame máis fondos á Unión Europea, xa que España é unha das grandes prexudicadas no reparto dos fondos verdes

Pide a implicación de Endesa para dar viabilidade á central a través da busca de solucións técnicas

Galicia seguirá defendendo ás 750 familias que dependen da actividade de Endesa, e traballará no desenvolvemento da Axenda Galega da Transición Xusta
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión esta mañá co grupo de traballo local por unha transición xusta de Endesa na que trasladou o apoio da Xunta aos afectados pola solicitude de peche da central térmica e a necesidade de facer unha fronte común para instar ao Goberno central á convocatoria da mesa das Pontes: “O máis importante é que se poida convocar de novo a mesa das Pontes e avaliar con todos os axentes implicados os seguintes pasos a dar para garantir unha transición xusta que dea resposta ás demandas e necesidades dos afectados”, subliñou.

Conde, que se puxo á disposición do Executivo central para desbloquear a situación, incidiu na necesidade de buscar solucións de xeito inmediato xa que as 750 familias que dependen da actividade da factoría non teñen tempo, polo que é o momento de actuar: “Galicia non vai abandonar ás familias que están agardando unha resposta por parte do Goberno e de Endesa e por iso pedimos ao Executivo que reaccione e á empresa que poña en marcha as medidas necesarias para dar unha solución”, asegurou.

Neste sentido, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez ten un triplo compromiso pendente con Galicia que se resume na necesidade de articular un plan de transición xusta que dea continuidade á actividade e ao emprego mentres non se poida optar aos fondos europeos; poñer en marcha mecanismos fiscais; e reclamar máis fondos á Unión Europea.

Así, lembrou que España é un dos grandes prexudicados no reparto dos chamados fondos verdes, para os que a Comisión Europea prima a países que pecharán as térmicas máis tarde, polo que a precipitación por cumprir con Europa no eido da descarbonización, en realidade, está penalizando a España.

A postura de Galicia non mudou e segue a favor dunha transición enerxética que sexa xusta e ordenada, o que pasa por buscar unha alternativa para manter a actividade de Endesa mentres se buscan biocombustibles que acheguen viabilidade.

Conde ratificou o compromiso da Xunta cos traballadores de Endesa, as empresas auxiliares e transportistas. Os principais retos para o Goberno galego son traballar na Axenda Galega de Transición Xusta -unha das prioridades dentro do diálogo social-; seguir impulsando reunións do comité técnico -así, segundo Conde, a Xunta manterase vixiante na busca dunha solución técnica para Endesa-; e seguir solicitando ao Goberno unha estratexia de transición xusta que conte con ordes de axudas para as rexións afectadas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/01/2020