O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Iberia, Luis Gallego, asinan en Fitur un acordo de patrocinio para actividades polo Ano Santo
Iberia e a Xunta acordan difundir a imaxe do Xacobeo 2021 vinilando un avión de longo percorrido

Trátase dunha colaboración para poñer en marcha unha decena de accións que darán a coñecer o Ano Santo por todo o mundo

Román Rodríguez agradeceu o compromiso con Galicia da compañía aérea, unha empresa que xa estivo implicada nos Xacobeos 2004 e 2010

Luis Gallego salientou a alegría da firma por poder promocionar Galicia e o Xacobeo nos máis de 140 destinos nos que opera

Madrid, 22 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Iberia, Luis Gallego, asinaron hoxe en Fitur un acordo de patrocinio polo que se vinilará un avión coa imaxe do Xacobeo 2021.Trátase dunha colaboración que inclúe unha decena de accións divulgativas e promocionais vinculadas co vindeiro Ano Santo.

No transcurso do acto, o titular de Cultura e Turismo agradeceu a implicación con Galicia e co Camiño de Santiago por parte de Iberia, unha compañía que leva asociada á Ruta Xacobea desde o Xacobeo 2004, cando levou a cabo a súa primeira colaboración e que reiterou o seu compromiso no ano 2010. “Esta celebración supón unha gran oportunidade para poñer a Galicia e a España fronte aos ollos do mundo, pero require dun gran traballo e esforzo de planificación e promoción no que é clave contar coa colaboración de administracións, asociacións e empresas como Iberia”, sinalou Román Rodríguez que celebrou a unión de dúas marcas de gran prestixio e traxectoria como son o Camiño de Santiago e Iberia.

Luis Gallego, presidente de Iberia, comentou: “Estamos encantados de promover e apoiar unha vez máis o Xacobeo, unha das expresións culturais máis significativas do noso país e unha celebración con gran impacto turístico en Galicia e no conxunto de España”.

Proxección internacional de Galicia

O acordo con Iberia permitirá que a marca Xacobeo voe por todo o mundo, xa que entre as accións que se levarán a cabo sobresaen, ademais do vinilado dun avión, a utilización como soporte publicitario de distintos elementos como tarxetas de embarque, publicacións ou canles e servizos de entretemento. “Todas estas accións compleméntanse con outras que permitirán poñer en valor elementos fundamentais da nosa cultura, como a enogastronomía, máis alá das nosas fronteiras, ou con outras máis centradas nas redes sociais, o escaparate máis utilizado polos viaxeiros”, precisou o conselleiro de Cultura e Turismo.

O obxectivo destas accións que se impulsarán de xeito conxunto é que a celebración do vindeiro Ano Santo estea presente en todo o mundo contribuíndo a mostrar unha imaxe de Galicia “aberta, rica en recursos e cun patrimonio cultural e paisaxístico excepcional”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/01/2020