Medio Ambiente mobilizará este ano un millón de euros para erradicar uns 150 puntos de vertido incontrolado en toda Galicia

As actuacións a executar enmárcanse dentro dunha campaña continuada da Xunta para axudar aos concellos no cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e contribuír a eliminar este tipo de focos de contaminación

Cómpre lembrar que, desde o ano 2014, o Goberno galego leva investidos un total de 6,5 millóns de euros na supresión dun milleiro de PVI na comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano un millón de euros a eliminar puntos de vertido incontrolado (PVI) por toda a xeografía galega. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia relativa á encomenda das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza destes puntos para o ano 2020.

Con esta nova campaña para a erradicación de PVI en Galicia, cofinanciada ata un 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), estímase que se poderá actuar sobre aproximadamente 150 focos no conxunto da comunidade. Os traballos concretos a acometer determinaranse en función das solicitudes recibidas por parte dos concellos e da valoración técnica da Xunta, tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria.

En todo caso, principalmente as obras encomendadas consistirán en actuacións de clasificación dos residuos para a súa reciclaxe ou valorización, no perfilado e acondicionamento dos residuos inertes e na revexetación mediante estendido de terra e sementeira con especies pratenses. Inclúese, demais, o levantamento GPS dos puntos, reportaxe fotográfica anterior e posterior ás obras e a elaboración e redacción de informes.

Cómpre lembrar que os puntos de vertido incontrolado, nos que se van acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, supoñen un risco para a saúde pública, poden ser orixe de incendios e accidentes, constitúen un importante foco de contaminación e producen un impacto paisaxístico negativo, co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético. Coa súa identificación e limpeza contribúese tamén a minimizar e corrixir a afectación orixinada, logrando a restauración do entorno e previndo a proliferación de novos amoreamentos, ao eliminar o hábito de depositar lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada por parte da Xunta para lograr a correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento. No marco da mesma tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos, repartidos por toda Galicia cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenaxe temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Cómpre lembrar que no marco do Subprograma de Clausura de Puntos de Vertido Incontrolado, recollido no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, a Xunta conseguiu erradicar desde o ano 2014 un total de 1.000 puntos de vertido incontrolado en 131 concellos, o que esixiu un investimento de 6,5 millóns de euros. Co fin de que esta cifra siga medrando, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten previsto continuar durante o presente exercicio co esforzo de eliminar PVI e recuperar espazos naturais degradados, especialmente aqueles que se atopan en zonas da Rede Natura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/01/2020