Educación remata un patio cuberto no CEIP de Marcón en Pontevedra

A obra contou cun orzamento de case 46.500 euros

Este novo espazo permitirá aos alumnos e alumnas realizar actividades e xogar fora do edificio incluso en días de choiva

Pontevedra, 23 de xaneiro de 2020

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, comprobou esta mañá o remate do novo patio executado pola Consellería de Educación no CEIP de Marcón en Pontevedra.

As obras, que contaron cun orzamento que rolda os 46.500 euros, permitiron construir un novo patio cuberto independente que posibilitase a saída ao alumnado incluso en días de choiva, e que evite que teñan que permanecer nas aulas ou nos corredores no tempo do recreo.

Este centro, pese a dispor dunha ampla parcela, apenas tiña espazo cuberto exterior para que os nenos puideran xogar o facer actividades sen sufrir inclemencias atmosféricas.

O novo patio está situado na fachada principal do edificio, pegado ao ximnasio, nun espazo que até o de agora está sen edificar.

O novo espazo foi executado con cimentación de formigón armado, estrutura portante metálica, cuberta de pranchas tipo sandwich e soleira pavimentada. Dispón dun acceso directo dende o ximnasio a través da escaleira e dunha rampla para persoas con mobilidade reducida. O lugar elixido para su posta en marcha estaba sen urbanizar, polo que foi necesario realizar traballos de acondicionamento do terreo.

A Consellería de Educación destinou nos últimos anos un total de 86.400 euros a este centro, co obxectivo de realizar obras como a reposición do pavimento do comedor, a execución de rampas e outras melloras.

No concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia investiu un total de 8,9M€ en diferentes obras entre as que destacan en 2019, a dotación de espazo para comedor no CEIP A Carballeira, a reforma da instalación de calefacción no CEIP A Xunqueira, a ampliación do comedor do CEIP Vilaverde-Mourente, así como diferentes arranxos e melloras no Carlos Oroza, no EEI Fina Casalderrey ou no Crespo Rivas, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/01/2020