A Consellería de Medio Ambiente e o Concello da Lama completan a construción dunha gran área de recreo na parroquia da Xesta

A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá o municipio pontevedrés para coñecer o resultado dos traballos na zona, cun investimento total de 55.000 euros

A obra foi recibida en decembro do ano pasado e inclúe máis de 1.100 metros cadrados dotados de elementos biosaudables para adultos, unha zona dotada con mesas, bancos fixos e pérgola e un espazo reservado para asar

Lembra que grazas ao Plan Hurbe, a Xunta colaborou coas entidades locais na execución de 200 actuacións e só o ano pasado asumiu 90 novos compromisos

A Lama (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2020-

O Concello de A Lama xa conta cunha ampla e completa área de recreo e esparexemento na parroquia da Xesta concibida para servir como punto de encontro veciñal. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a zona na que se levou a cabo a actuación, froito da colaboración entre a Xunta e o Concello.

Os traballos realizados consistiron na execución no Lugar de Abaixo dun novo parque biosaudable cunha ampla zona de recreo, localizado xusto ao carón do parque infantil que xa existía nesta parroquia. A actuación, rematada a finais do pasado mes de decembro e cun investimento total de case 55.000 euros, realizouse en virtude dun convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello da Lama, que cofinanciaron as obras nun 70% e 30%, respectivamente.

Concretamente, Vázquez Mejuto explicou que esta nova zona de recreo e ocio ocupa unha superficie de máis de 1.100 metros cadrados e está dotada dunha ampla gama de xogos biosaudables para adultos, mesas e bancos fixos, unha pérgola, unha fonte e unha zona de barbacoas con asador. Así mesmo, tamén salientou os traballos de urbanización que se levaron a cabo no viario de acceso, a execución de beirarrúas e o acondicionamento na contorna dun aparcadoiro adaptado ás novas necesidades previstas na zona.

Neste sentido, Vázquez Mejuto incidiu na importancia que terá este obra para dinamizar e mellorar a calidade de vida no concello e en concreto no núcleo da Xesta, unha das zonas máis dinámicas sobre todo durante o verán, cando experimenta un notable incremento de habitantes pola chegada de veciños e familiares procedentes da emigración. “Todos os concellos necesitan rúas, prazas e beirarrúas, pero son os espazos de recreo como este os que contribúen dunha maneira moi especial a dinamizar a vida das nosas vilas e cidades, ao tempo que nos axudan a interiorizar hábitos saudables no noso día a día”, recalcou.

Compromisos do Plan Hurbe 2019-2020

A obra de humanización acometida no Lugar de Abaixo enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a estes investimentos, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade.

Nos últimos anos a estreita colaboración entre Xunta e entidades locais a través do Plan Hurbe permitiu levar a cabo centos de intervencións para recuperar e humanizar o patrimonio xa construído das vilas galegas e renovar aquelas infraestruturas públicas municipais que repercuten directamente sobre a calidade de vida dos seus veciños.

Neste sentido, só durante o ano 2019 a Consellería de Medio Ambiente asumiu preto de 90 novos compromisos cun investimento asociado de 12,9 millóns de euros para a execución de novos proxectos urbanísticos a nivel local.

Este esforzo continuará tamén ao longo do presente exercicio, xa que, como lembrou a conselleira durante a súa visita a A Lama, nos orzamentos da Xunta de 2020 hai reservados 6,5 millóns de euros para financiar novas actuacións urbanísticas nos concellos, como poden ser a mellora de contornas urbanas ou de determinados equipamentos municipais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2020