A Xunta destaca a capacidade de superación e a aposta pola sustentabilidade da empresa Nefab de Ponte Caldelas

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitou hoxe as instalacións desta compañía da industria forestal

A empresa, que sufriu un incendio en 2017, foi unha das 14 empresas beneficiarias da liña de axudas para paliar os efectos dos lumes, que permitiu mobilizar preto de 3 millóns de euros

A Administración autonómica aposta pola industria forestal como unha peza clave para lograr unha Galicia máis verde, e, a través da Axenda da Industria Forestal mobilizará 125 millóns de euros ata 2021
 

Ponte Caldelas (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2020.- O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, destacou hoxe a capacidade de superación da empresa Nefab, situada no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, e a súa aposta pola sustentabilidade.

O director visitou as instalacións desta compañía, que sufriu un incendio en 2017, e que foi unha das 14 empresas beneficiarias da liña de axudas para paliar os efectos dos lumes, que permitiu mobilizar preto de 3 millóns de euros. Nefab, que contou cunha axuda de 459.643 euros, esta centrada na produción de tableiro contrachapado e utiliza, no seu traballo, un enfoque ambiental relacionado con materias primas sustentables e negocios responsables. Así, actualmente, desenvolve proxectos para a creación de novos produtos como tableiro con compoñentes téxtiles que eviten o uso de plásticos ou metais; e a valorización de subprodutos xerados a partir da produción de tableiro.

A Xunta aposta pola industria forestal como unha peza clave para lograr unha Galicia máis verde, e, a través da Axenda da Industria Forestal, que permitirá mobilizar 125 millóns de euros ata 2021, aposta pola bioeconomía para atopar novos mercados, fomentando o emprego verde e buscando novas aplicacións para a madeira, en eidos como o enerxético, a saúde, o deseño e a construción, e sectores estratéxicos como o naval e a automoción.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2020