A Xunta iniciará a vindeira semana a execución da senda na estrada AC-116, entre Riobó e Lago, en Valdoviño

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supón un investimento autonómico que ronda os 640.000 euros

Trátase dun novo itinerario na estrada autonómica ao seu paso por este municipio, que conectará co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada, en Valdoviño

Tamén se reformará a intersección no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, comezará a vindeira semana as obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Riobó e Lago, entre os puntos quilométricos 7+120 a 8+800, ao seu paso polo concello de Valdoviño.

Esta actuación foi adxudicada á empresa Copasa, por importe de preto de 640.000 euros, e teñen un prazo de execución de seis meses aproximadamente.

Trátase dun itinerario planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na comarca de Ferrol, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116, no municipio de Valdoviño.

En concreto, executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 1,68 km de itinerario de nova construción no concello de Valdoviño, permitindo completar un itinerario peonil continuo ata Lago. Desde este punto, a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago.

Ademais reformarase a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no punto quilométrico 12+360.

A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.
 

Data de actualización: 25/01/2020