A Xunta avanza que a declaración de impacto ambiental do novo proxecto da Mina de Touro é negativa e pon fin á súa tramitación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explica que o ditame do seu departamento baséase no cumprimento estrito da lexislación ambiental vixente

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático acaba de emitir unha declaración de impacto ambiental (DIA) negativa con relación ao proxecto de actualización da explotación da Mina de Touro. Así o avanzou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aclarou que, con esta decisión, se pon fin á tramitación ambiental da iniciativa mineira, que se iniciara en outubro do ano 2018.

Tras lembrar que o promotor presentou unha modificación substancial do proxecto orixinal polo que, desde o principio, a Xunta tratouno como se fora un novo, Vázquez Mejuto explicou que a DIA se tramitou con absoluto rigor desde o punto de vista medioambiental, urbanístico e mineiro, facendo prevalecer o cumprimento estrito da normativa en vigor, ao igual que ocorre con todas as iniciativas que requiren de avaliación ambiental.

O ditame negativo da Consellería de Medio Ambiente está avalado por informes técnicos e polo propio marco lexislativo actual, vixiando sempre, incidiu Ángeles Vázquez, que as iniciativas que se leven a cabo na comunidade, con independencia da súa natureza, cumpran con todas as garantías técnicas, ambientais e urbanísticas e os requirimentos que marque a lei.

Concretamente, o sentido negativo da DIA baséase, por unha banda, na constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta e por outra, no recoñecemento de que o proxecto aumentaría a presión hídrica sobre o río. Así, o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala que esta actividade desenvolveríase nun espazo próximo a unha Zona de Especial Conservación (ZEC), sen que queden acreditadas as correspondentes medidas protectoras e correctoras necesarias.

Asemade, outro informe solicitado neste caso a Augas de Galicia conclúe que a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, non podendo garantir un estado ecolóxico óptimo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2020