A Xunta promove a formación e o debate entre os profesionais da industria musical no encontro ‘Atlantic Emprende + Gaiás’

O evento, que terá lugar na tarde do sábado 29 de febreiro na Cidade da Cultura, abrirá cunha charla de Brett Anderson, o vocalista da banda británica Suede

Ofrece a oportunidade de escoitar a figuras de primeiro nivel da escena nacional e internacional, tanto desde o ámbito artístico e creativo como empresarial

Completan o programa Javier Mariscal e Alba Barneda, directora de produción de CANADA, a axencia creativa detrás de videoclips como o ‘Malamente’ de Rosalía

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia promove Altantic Emprende + Gaiás abrindo, por terceiro ano consecutivo, un espazo para o encontro, o debate e a formación de profesionais, estudantes, emprendedores e empresas da industria musical. O evento, que terá lugar o sábado 29 de febreiro na Cidade da Cultura, abrirá cun faladoiro con Brett Anderson –vocalista da banda británica Suede¬–, ao que seguirán as conferencias do deseñador Javier Mariscal e Alba Barneda, a directora de produción de CANADA, a axencia barcelonesa da que saíron icónicos videoclips musicais como o Malamente de Rosalía.

Atlantic Emprende + Gaiás, evento que forma parte da programación que impulsa a Cidade da Cultura para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas, ofrece asi a oportunidade de escoitar a figuras de primeiro nivel do sector, tanto do eido creativo como empresarial. Xa se pode retirar a entrada para asistir ao encontro, organizado en colaboración co Festival Atlantic Fest, a un prezo de 10 euros (12 en billeteira) e a través da web da Cidade da Cultura ou atlanticfest.com/emprende.

O programa do evento arrancará ás 17,00 horas cun faladoiro con Brett Anderson, vocalista da banda británica Suede, no que fará un percorrido pola súa vida e carreira musical a propósito da publicación dos seus libros Mañanas negras como el carbón e Tardes de persianas bajadas. Neles, Anderson revive a súa temperá paixón pola música, os incertos inicios de Suede, o seu éxito fulgurante e o progresivo derrube da banda. Un relato lírico e apaixonado dun dos grupos imprescindibles do pop británico. O faladoiro, en formato entrevista, estará conducido polo xornalista e presentador de TV Johann Wald.

Conferencias de Alba Barneda e Javier Mariscal

Baixo o título Creativos de nova xeración. O poder da imaxe na música ou a publicidade, Alba Barneda presentará ao público a súa experiencia como directora de produción e unha das almas da axencia catalá CANADA, coñecida polos seus traballos en música e publicidade e da que saíron videoclips tan icónicos como o da canción Malamente de Rosalía.

Pechará a xornada a conferencia Sorprender, fascinar, convencer, impartida polo recoñecido deseñador Javier Mariscal, autor que conta entre a súa prolífica traxectoria con traballos como a mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 –Cobi–, ou o filme de animación Chico y Rita, dirixido xunto a Fernando Trueba e galardoado co Goya á mellor película de animación.

O Atlantic Emprende + Gaiás enmárcase na programación do Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura, espazo que, ao longo de todo o ano, desenvolve diferentes actividades dirixidas a promover a cultura emprendedora na Comunidade. A Xunta, a través da Cidade da Cultura, apoiou máis de 400 proxectos desde a súa apertura e actualmente acolle arredor dun cento de proxectos emprendedores residentes nas súas áreas de coworking e viveiro empresarial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2020