A Xunta lembra a figura de Cándido Fernández Mazas no Día da Ilustración

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición ‘Signos dunha quimera’ na Biblioteca de Galicia

Esta efeméride, promovida en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, ofrece unha vintena de actividades nas bibliotecas públicas galegas

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe, con motivo do Día da Ilustración dedicado a este ano ao ilustrador, artista e escritor galego Cándido Fernández Mazas, a exposición Signos dunha quimera, unha mostra que permanecerá aberta ao público na Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de maio.

As imaxes que conforman a mostra foron elaboradas pola ilustradora Pepa Prieto Puy e fan un percorrido pola vida e obra de Fernández Mazas. Deste xeito, retrata a súa vida como escritor, ilustrador, humorista e pintor. A exposición será dixitalizada e incorporada como visita virtual á web da Biblioteca de Galicia.

Coa dedicación deste Día da Ilustración, Cándido Fernández Mazas súmase á lista de autores homenaxeados na que figuran xa Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Federico Ribas Montenegro.

Signos dunha quimera enmárcase na programación do Día da Ilustración, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que inclúe unha vintena de actividades nas bibliotecas públicas galegas co obxectivo de lembrar e reivindicar o papel de todos os profesionais da ilustración.

Actividades nas catro provincia

Así pois, para conmemorar esta efeméride, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago ofrece aos seus visitantes unha mostra sobre a ilustración galega que estará dispoñible ata mañá e este xoves ás 18,30 h. desenvolverase un obradoiro de introdución á banda deseñada para nenos con Jorge Campos.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés, mantén aberta a mostra Ilustradores de libros de animais do mar ata mañá, e o sábado 1 de febreiro ás 12,00 h. albergará o taller As imaxes contan. Así mesmo a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso acolleu onte un encontro co ilustrador Jesús Cisneros, que tamén impartiu durante esta tarde un obradoiro de máscaras.

En Ourense, a Biblioteca Pública conta cunha exposición sobre Grandes ilustradores que estará aberta ata mañá. Hoxe levarase a cabo un obradoiro de ilustración ás 18,00 h. con Filantropina e, posteriormente, ás 19,00 h. terá lugar un encontro co ilustrador Pablo Otero.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra contará cun contacontos ilustrado o 31 de xaneiro ás 18,00 h. e, ata o 10 de febreiro, mantén aberta unha exposición sobre o homenaxeado deste ano.

Vigo, a través da Biblioteca Pública Juan Compañel, contará co obradoiro Mundos ilustrados con Aurora López que terá lugar hoxe ás 18,30 h e cunha charla coloquio sobre os Primeiros pasos no mundo da ilustración impartida por Laura Núñez o 1 de febreiro ás 12,30 h. Así mesmo, ao longo deste mes e ata o 15 de febreiro os nenos que visiten a biblioteca poderán visitar a mostra Elas pintan moito: 10 ilustradoras galegas.

Por último, a Biblioteca Pública de Lugo ofrecerá mañá o obradoiro Laboratorio zoo-ilóxico da man de María Lires ás 18,00 h.

Toda a información sobre o Día da Ilustración e a súa programación pode consultarse na páxina web https://www.diadailustracion.gal/.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/01/2020