'Escenas do cambio' afonda a través da danza na loita da etnia xitana contra a súa marxinalidade e nas relacións nai-filla

A conferencia-bailada de Leonor Leal, á que asistirá o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, xira ao redor do espectáculo flamenco ‘Camelamos naquerar’, que en 1976 erixiuse en abandeirado dos dereitos da comunidade xitana

A premiada coreógrafa Eszter Salamon explorará o domingo nas complicidades e nas tensións das relacións nai-filla nunha peza de danza contemporánea

O festival, retomará a programación do 6 ao 8 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que se atopa un xuízo a Hamlet por un equipo xudicial en activo

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2020

Escenas do cambio 2020 -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- fai uso esta fin de semana do baile flamenco e da danza contemporánea, respectivamente, como ferramentas da arte útiles na loita contra a marxinalidade de etnias —a xitana, no caso de Ahora bailo yo, de Leonor Leal— ou para establecer vínculos materno-filiais, na obra M/others, da premiada coreógrafa Eszter Salamon.

O certame aposta nesta primeira semana pola danza, no caso deste sábado ten especial protagonismo o baile flamenco. A bailaora Leonor Leal recupera na conferencia-bailada Ahora bailo yo a valente peza de José Heredia Maya, quen en 1976 se atreveu a crear e representar unha obra de teatro flamenca, onde se denunciaba a persecución e marxinación do pobo e cultura xitana, tal e como quedaba demostrado en artigos do regulamento da Garda Civil da época.

A peza, á que asistirá hoxe o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, foi gabada pola crítica, mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, os artigos xenófobos do regulamento da Garda Civil cara a esta etnia foron suprimidos.

Hoxe sábado Escenas do cambio 2020 tamén acollerá o debut na escena da parella de artistas plásticos Los Bravú, formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988), que en Caderno de vacacións exploran o turismo actual, a través de retranca, danza e música electrónica. A compañía aceptou o reto-convite lanzado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo, para atreverse a abandonar a súa zona de confort creativa (as artes plásticas) e dar o salto á creación escénica.

Relacións nai e filla a través da danza

Pechará mañá domingo esta primeira semana de Escenas do cambio 2020 a prestixiosa e premiada coreógrafa Eszter Salamon, que en M/others volve subirse por segunda vez ao escenario coa súa nai. Unha peza tamén valente para facer fronte, a través da danza contemporánea, as tensións e os afectos das complexas relacións nai-filla e que a artista húngara pretende que teña continuidade con outras intérpretes con idénticos vencellos familiares.

Xuízo real a Hamlet na segunda semana

O festival retomará a súa programación o xoves 6 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que destaca o xuízo a Hamlet por parte dun equipo xudicial real en activo (xuíz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra). Nesta obra o dramaturgo catalán Roger Bernat xulga o personaxe de Shakespeare como un asasino común e o público que asista tamén terá un papel activo: converterase en xurado popular. Ademais, a obra ten o atractivo engadido de que se representará (o venres 7 de febreiro) na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Antes desta obra, o xoves 6, Escenas do cambio trasladarase ao casco histórico de Compostela. No Salón Teatro poderá verse a performance Légende de Romain Teule e, a continuación, no Teatro Principal, Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real de testemuña deste cruento conflito cando era tan só unha cativa.

Nesta presenza de artistas con proxección internacional, débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrúe nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.
Colaboración internacional e venda de entradas

Colaboración internacional e venda de entradas

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 promovido pola Xunta conta cunha rede de colaboradores como o INAEM, o Instituto Camões de Portugal en Vigo, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, como o Teatro Principal.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2020 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia e tamén na do festival.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/02/2020