As axudas da Xunta de eficiencia enerxética na industria e servizos permitirán un aforro anual de 2,5M€ na factura

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de apoios para este ano no que se invisten 3,5M€

A iniciativa prevé impulsar 100 proxectos, mobilizar 9M€, reducir as emisións de CO2 anuais en 8600 toneladas e xerar ao redor de 120 postos de traballo

Nos últimos sete anos apoiáronse máis de 1200 iniciativas con aforros eléctricos equivalentes ao consumo anual de 94.000 fogares

Hoxe tamén se abre o prazo para que as entidades colaboradores se poidan adherir ao Plan de Mobilidade Eficiente, que inclúe axudas para particulares, autónomos e empresas que van dos 2000 aos 2500 euros, dependendo do tipo e do volume de emisión do vehículo que se adquira

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2020

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá do programa de axudas para este ano a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos, no que se investirán 3,5M€ e que permitirá que ao redor de 100 beneficiarios aforren 2,5M€ nas súas facturas enerxéticas.

Os apoios están dirixidos a empresas e autónomos do sector da industria e dos servizos, así como a empresas de servizos enerxéticos para desenvolver proxectos de auditorías, implantación de sistemas de xestión e aforro e eficiencia enerxética. O obxectivo é mellorar a súa competitividade grazas á redución da factura de enerxía; así como promover a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta ata o vindeiro 20 de febreiro, e tramitarase por vía telemática. A contía da axuda será do 35% no caso das grandes empresas, do 45% para as medianas e do 50% no caso de pequenas compañías. Segundo os aforros enerxéticos previstos, os apoios poderán ir dos 100.000 euros ao millón. Con esta orde de axudas, está previsto mobilizar 9M€, reducir a emisión de CO2 anual en 8600 toneladas e xerar ao redor de 120 postos de traballo.

Tal e como explicou o director xeral, nos últimos sete anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, a través do Inega, un total de 1262 axudas para proxectos de aforro enerxético tanto no sector industrial como no agrícola e nos servizos, cun orzamento de 33M€ co que se mobilizaron 89M€, o que permitiu un aforro de enerxía equivalente ao consumo eléctrico anual de 94.000 fogares e unha redución de emisións anuais de CO2 semellante á acción de 4,3 millóns de árbores.

As tipoloxías de proxectos máis demandadas foron a renovación de maquinaria, a substitución da iluminación por tecnoloxía LED, a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo ou a realización de auditorías enerxéticas, entre outras.

Plan de Mobilidade Eficiente

Con esta nova convocatoria a Xunta volve amosar o seu compromiso por promover unha cultura do aforro enerxético en todos os sectores para avanzar nunha Galicia máis verde. Neste sentido, o director xeral de Enerxía lembrou que tamén se acaba de abrir a nova convocatoria do Plan de Mobilidade Eficiente para favorecer a renovación de turismos e furgonetas con axudas dirixidas a particulares, autónomos e empresas.

As solicitudes serán tramitadas a través das entidades colaboradoras, que se poderán adherir desde hoxe, luns 3 de febreiro, e ao longo da vixencia do plan. O prazo de solicitude das axudas para os particulares, autónomos e empresas comezará o 21 de febreiro.

O plan contará cun orzamento global de 700.000 euros e a cifra dos apoios variará dependendo do volume de emisións do vehículo: desde os 2000 euros, con 1000 euros repartidos equitativamente entre Xunta e concesionarios, aos 2500 (1500 a Administración e 1000 os postos de venta). O requisito principal para participar neste programa será posuír un coche con máis dunha década de antigüidade, ou 5 anos no caso de furgonetas, propiedade do solicitante ou dun familiar de primeiro grado.

O novo vehículo adquirido deberá respectar unha serie de condicións, incluíndo contar cun prezo inferior aos 40.000 euros, e emitir un máximo de 120 gramos CO2/quilómetro no caso de turismos e furgonetas de ata 2500 quilogramos, e 185 gramos CO2/quilómetro para o resto de furgonetas. Os particulares poderán adquirir un único vehículo con axuda e as empresas ata 10.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/02/2020