A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a confraría de pescadores da Illa de Arousa
O sector pesqueiro galego e as ONG traballarán de xeito conxunto na loita contra o lixo mariño e a conservación dos recursos

A Xunta convoca por primeira vez axudas para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar

As achegas, que contan cun orzamento de 500.000 euros para os exercicios 2020 e 2021, prevén compensacións para as embarcacións de artes menores e mariscadores a pé que participen na extracción activa de lixo mariño

Esta medida supón avanzar no Plan Mar Limpo da Consellería do Mar ao apoiar tamén accións formativas destinadas aos profesionais do mar e campañas de sensibilización para animar a participar na recollida de residuos

O sector marisqueiro galego contará tamén cunha nova liña de achegas para proxectos de rexeneración que permitan recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción no último ano

A Illa de Arousa (Pontevedra), 4 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou hoxe que o sector pesqueiro galego e as organizacións non gobernamentais (ONG) con ámbito territorial ou de actuación en Galicia poderán beneficiarse este ano, e por primeira vez, de axudas destinadas a accións de recollida de lixo mariño na comunidade. Estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), contan cun orzamento de 500.000 euros para os exercicios 2020 e 2021.

A titular de Mar explicou durante unha visita á confraría de pescadores da Illa de Arousa que esta convocatoria sairá publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que está dirixida a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar que desenvolvan tanto as confraría de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas entidades do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Rosa Quintana detallou que esta orde de axudas supón dar un paso máis na liña de traballo do Plan Mar Limpo así como doutras iniciativas neste eido e xa en marcha nas que participa a Consellería do Mar como os proxectos CleanAtlantic ou Nor-Water, entre outros. As actuacións subvencionables, que poden contar con axudas de ata o 100% do investimento, inclúen a recollida no mar de artes de pesca e residuos, a compra e instalación de equipos tanto a bordo como nos portos para a recollida e almacenaxe de lixo mariño ou a creación de sistemas de recollida de residuos.

A estas accións tamén se suman, entre outras, aquelas en materia de comunicación, información e campañas de sensibilización para animar a participar en proxectos para a recollida de artes de pesca perdidas así como a formación dos profesionais do mar neste eido, desde pescadores ata mariscadores e axentes portuarios.

Unha das principais novidades desta liña de axudas é que a frota de artes menores e os mariscadores a pé poderán recibir compensacións pola recollida activa de lixo. A contía diaria no caso das embarcacións pesqueiras -para as empresas armadoras- será a correspondente aos ingresos medios da actividade pesqueira da frota de artes menores no trienio 2016-2018 en función da súa área xeográfica e do seu arqueo. No caso do marisqueo a pé, a compensación terá en conta o nivel de ingresos medios da actividade no trienio 2016-2018 segundo a súa área xeográfica.

A conselleira do Mar salientou que esta medida pretende facer fronte ao problema do lixo mariño e contribuír ao mesmo tempo a mellorar o estado dos recursos e a situación dos milleiros de galegos que viven do mar. Ademais, incidiu, trátase de deixarlle ás xeracións vindeiras un mar en mellor estado que o actual.

Bancos marisqueiros

Nesta liña, e co obxectivo de mellorar os resultados do sector pesqueiro, Rosa Quintana tamén anunciou que nestes días sairá publicada outra orde de axudas para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños.

Estas achegas, que complementan as destinadas á rexeneración de bancos marisqueiros que se convocan todos os anos, están dirixidas a confrarías de pescadores e outras entidades asociativas do sector que queiran actuar en bancos que acumulen 12 meses de perda de produción das súas especies obxectivo. De feito, entre as accións subvencionables está a adquisición de semente.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 300.000 euros para este ano e está sufragada integramente pola Consellería do Mar. Trátase dun apoio ao sector que se suma aos máis de nove millóns de euros investidos desde 2010 e que permitiron recuperar máis de 13,5 millóns de quilómetros cadrados de zonas de marisqueo.

Os requisitos para acceder tanto ás axudas para a recollida de lixo mariño como ás destinadas a proxectos de rexeneración para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros poderán consultarse nas respectivas ordes que publicará ao longo desta semana o Diario Oficial de Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/02/2020