A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións postas en funcionamento o pasado mes de outubro
Fabiola García destaca a boa acollida do centro de día de Cuntis, no que a Xunta investiu un millón de euros para a súa posta en marcha

Galicia conta con 3300 prazas de centro de día, máis do triplo que hai unha década

O Goberno galego ten como obxectivo chegar ás 65.000 persoas dependentes atendidas neste 2020

Cuntis (Pontevedra), 5 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do alcalde do concello de Cuntis, Manuel Campos, visitou esta mañá o centro de día desta localidade pontevedresa, no que a Xunta realizou un investimento dun millón de euros para reparación e equipamento que permitiu a súa posta en marcha.

A conselleira destacou a boa acollida que tivo este novo recurso, que forma parte da rede de centros de atención aos maiores da Xunta de Galicia, posto que, a poucos meses da súa apertura, o pasado mes de outubro, xa conta con 20 usuarios.

Nesta liña, Fabiola García subliñou que no pasado ano a Xunta puxo á disposición dos galegos novos centros deste tipo en Vilardevós, Arteixo, Ourense, Miño e Baleira, o que elevou a cifra de prazas públicas de centro de día en Galicia a 3300, mais do triplo que hai unha década.

Novo obxectivo de dependencia

A conselleira sinalou que, grazas a todos os recursos de atención que a Xunta pon á disposición das galegas e dos galegos, Galicia sitúase entre as catro Comunidades Autónomas que mellor atende ás persoas dependentes. Neste senso, indicou que só en Cuntis son atendidas 130 persoas nesta situación, que se suman ás 61.600 do conxunto de Galicia, unha cifra que a Xunta pretende incrementar ata as 65.000 persoas atendidas neste 2020.

Segundo apuntou, a Xunta acadará este novo obxectivo de atención ás persoas con dependencia a través do reforzo de recursos como o servizo de axuda no fogar, o Bono residencia, o Bono Coidados e coa creación de novas prazas de residencia e atención diúrna, entre outras medidas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/02/2020