A Xunta achega aos emprendedores de AJE Vigo as axudas para que os autónomos creen emprego e consoliden os seus negocios

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada pola delegada territorial da Xunta, Corina Porro, informou no encontro sobre os programas por preto de 24,5M€ activados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria

Entre as iniciativas que se poñen en marcha por primeira vez destacan o bono de Nova Oportunidade e o Bono Renova, que facilita a transmisión xeracional, e que contan cada un cun millón de euros

As axudas á conciliación incorporan apoios de ata 9.000 euros para a contratación de traballadores e o pagamento das escolas infantís

Vigo, 5 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou hoxe nun encontro con AJE Vigo no que informou das axudas por preto de 24,5 millóns de euros publicadas esta mesma semana pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a creación de emprego autónomo e axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios, crear emprego e conciliar a vida familiar e laboral. En total, con estas medidas espérase beneficiar a máis de 7000 autónomos e traballadores e a arredor de 545 empresas, achegando un apoio integral a este colectivo clave para a economía galega.

No encontro, Covadonga Toca tivo tamén a oportunidade de escoitar as suxestións e as inquedanzas dos emprendedores vigueses, aos que trasladou as principais novidades das axudas deste ano. Así, entre as iniciativas que se poñen en marcha por primeira vez destaca o bono de Nova Oportunidade, para o que se dispón dun millón de euros e que facilita que volvan emprender autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante. Tamén se activa o Bono Renova, dotado cun millón de euros, que facilita a transmisión xeracional dos negocios. Ademais, a través dun acordo de colaboración coa Fundación Ronsel ao que se destinarán 250.000 euros, desenvolverase un proxecto piloto de mentoring para autónomos.

A axuda do bono Nova Oportunidade está destinada a persoas que estiveron dadas de alta como autónomos, que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio. Por un lado, concédense 6000 euros como apoio ao emprendemento e, por outro lado, ata 6000 euros para formación e mentoring.

En canto ao Bono Renova, está destinado ao traspaso dos negocios para impulsar a transmisión xeracional. Contémplanse axudas tanto para a persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros, como para o emprendedor que a retoma, con axudas de ata 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.

A convocatoria á que se destinan máis recursos é a de axudas para impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do xa existente, con 13,6 millóns de euros, e coa previsión de beneficiar a 4000 autónomos e 125 empresas.

Ao ámbito da conciliación por maternidade e paternidade destínanse 800.000 euros, con axudas de ata 6.000 euros para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento. Os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3.000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil.

Ademais, destínase un orzamento de 2,6 millóns de euros ao programa encamiñado a apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

O Bono Autónomo conta cun orzamento de 5 millóns de euros, un millón máis que na anterior convocatoria, para apoiar na súa consolidación os emprendedores que leven máis de 42 meses de traxectoria. Conta con dúas liñas de axuda, unha para a mellora da competitividade a través de diferentes servizos e outra para investimentos, con apoios do 80% do proxecto a desenvolver e unha axuda máxima de 3000 euros por beneficiario.

Ademais, activouse unha convocatoria dotada con 200.000 euros para respaldar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade. Estas medidas forman parte da Estratexia do Autónomo 2020, a través da cal a Xunta achega un apoio integral a un colectivo do que forman un de cada cinco traballadores galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/02/2020