Portos de Galicia realiza reparacións de urxencia nos pantaláns da Pobra do Caramiñal para mellorar o servizo aos usuarios

A presidenta do ente público mantivo unha xuntanza cos representantes da confraría de pescadores e das asociacións de bateeiros para analizar as próximas actuacións a realizar nas instalacións portuarias

O ente público dependente da Consellería do Mar licitará nos próximos meses a execución de melloras substanciais nas infraestruturas flotantes da Pobra cun orzamento aproximado de 900.000 euros

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 6 de febreiro de 2020

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou esta mañá a confraría de pescadores da Pobra do Caramiñal para manter unha xuntanza cos representantes da entidade e das asociacións de bateeiros locais na que analizou os traballos previos que o ente público está a realizar neste porto coruñés para mellorar provisionalmente o servizo aos usuarios mentres se finaliza a elaboración do proxecto construtivo que se licitará nos próximos meses cun orzamento aproximado de 900.000 euros.

A responsable do ente dependente da Consellería do Mar comprobou os labores de reparación que se están a facer nos pantaláns e adiantou que este tipo de actuacións continuarán de xeito sistemático proximamente. Entres os traballos previstos están algúns como a restitución completa do pavimento dos pantaláns de terceira e cuarta lista, a instalación de torretas de subministro de auga e electricidade, a mellora do alumeado, a eliminación dos fondeos dos fingers e a redistribución de prazas de amarre para adaptalas ás embarcacións actuais.

A maiores, Susana Lenguas trasladoulle ao sector que o seu departamento está a traballar para mellorar a seguridade nas instalacións portuarias, buscando o xeito de optimizar a vixilancia, ademais de analizar outros asuntos como o aparcamento de vehículos, a permeabilidade do peirao comercial e a regulación do tráfico no porto.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 06/02/2020