A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe a localidade ourensá e entrevistouse co seu rexedor Francisco Armando Veiga
A Xunta achegará 200.000 euros para a construción dun centro de día no concello de Riós

O Goberno galego e o Concello asinarán nas vindeiras semanas un convenio de colaboración para dotar deste novo servizo ao municipio ourensán

Riós (Ourense), 6 de febreiro de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe que a Xunta achegará 200.000 euros para a construción dun centro de día en Riós, no que os maiores estarán atendidos sen necesidade de saír da súa contorna. Fíxoo durante unha visita a esta localidade, onde mantivo un encontro co alcalde Francisco Armando Veiga.

Fabiola García, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, sinalou que nas vindeiras semanas se asinará un convenio entre o Goberno galego e o Concello no que se consignarán os 200.000 euros. No financiamento desta obra tamén participarán a Deputación de Ourense e o Concello. A construción e xestión posterior do centro será municipal.

O Concello ten elaborado un proxecto para este centro de día que ascende a 528.000 euros e contará cunha superficie de 508 metros cadrados. O novo edificio disporá de diferentes espazos como unha sala de rehabilitación, unha sala polivalente, unha destinada a atención, comedor e cociña, ademais doutras dependencias comúns neste tipo de recursos.

A conselleira destacou o compromiso da Xunta cos maiores e as súas familias. Nos últimos dez anos multiplicáronse por tres as prazas públicas en centros de día, ata superar hoxe as 3300, e incrementáronse un 42% as prazas públicas en residencias, ata chegar ás máis de 8000 na actualidade. Así mesmo, nesta lexislatura puxéronse en marcha servizos pioneiros no rural como as casas do maior, pequenos centros de día totalmente gratuítos para os seus usuarios e dos que haberá 60 por toda a xeografía galega remate deste ano; ou o programa de Coidados porta a porta, co que os nosos maiores reciben servizos de podoloxía, estimulación da memoria e optometría, tamén sen custe algún para eles.

Tamén salientou o importante papel da coordinación entre administracións para garantir os mellores servizos á veciñanza. Unha colaboración fundamental para acadar o novo obxectivo marcado polo Goberno galego de chegar aos 65.000 dependentes atendidos en Galicia antes de que remate o ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2020