A conselleira de Política Social visitou hoxe a casa de Triacastela acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro
Fabiola García anuncia axudas extraordinarias para levar as Casas Niño a concellos que non teñen opcións de conciliación

O obxectivo é estender estes recursos de conciliación aos 23 concellos galegos que na actualidade carecen deles

Triacastela (Lugo), 7 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá que nas vindeiras semanas sairá publicada unha convocatoria extraordinaria de axudas para levar as casas niño aos concellos galegos que non teñen nin escola infantil nin outro centro semellante. Díxoo durante a visita á casa niño de Triacastela á que acoden diariamente cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos sen custe algún para as súas familias e na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

Fabiola García explicou que o obxectivo desta medida é estender estes recursos de conciliación aos 23 municipios da nosa comunidade que hoxe carecen deles, catro veces menos dos que estaban nesta situación en 2009. Tamén salientou a boa acollida desta iniciativa pensada e deseñada para as familias con fillos que viven no rural. Nesta lexislatura o Executivo autonómico xa concedeu axudas para a creación de 76 casas niño por toda a xeografía galega, unha vintena delas na provincia de Lugo.

A conselleira de Política Social asegurou que conciliar hoxe en Galicia é máis doado que nunca ao poñer a disposición das familias as casas niño; a Tarxeta Benvida, con melloras para as familias con tres ou máis nenos e para as que viven no rural; ou a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos. Ademais, salientou o feito de que Galicia é a primeira Comunidade Autonómica que contará cunha Lei de impulso demográfico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/02/2020