A Xunta activa apoios por 2 M€ para impulsar a contratación de 120 profesionais de I+D+i en empresas e organismos de investigación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar as convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia

Talento Sénior promove a retención e atracción de profesionais de alta cualificación con máis de cinco anos de experiencia, fomentando a contratación indefinida

O programa Principia apoia o desenvolvemento da carreira profesional de mozos e mozas de ata 35 anos, con axudas de 10.000 euros por contrato e, como novidade, un bono de formación de 1000 euros

Ambas iniciativas forman parte do programa Talento 2021, que busca xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), as convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia a través dos que se destinan máis de 2 millóns de euros á contratación de preto de 120 persoas en empresas e organismos de investigación. Promóvese así a atracción e retención de talento na Comunidade, e asegúrase unha capacitación integral dos profesionais especializados en I+D+i.

Talento Sénior

O programa Talento Sénior ten como obxectivo facilitar a incorporación de profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que leven a cabo en Galicia proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos. Con esta iniciativa, que conta cun orzamento de 960.000 euros, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i.

Os incentivos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para as entidades beneficiarias variarán entre un 40 e un 60% en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no que deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade.

Á hora de conceder as axudas, valorarase o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, así como a condición de retorno e atracción. Ademais, tamén se prestará especial relevancia á presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persoa contratada sexa muller, primando así mesmo as contratacións indefinidas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de abril.

Programa Principia

Por outra banda, ponse en marcha o programa Principia, destinado a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas, organismos de investigación e universidades, favorecendo o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza. Cun orzamento de 1,1M€, o obxectivo é favorecer a contratación de máis de 100 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de abril.

Como novidade nesta edición do Principia, as empresas, universidades e organismos de investigación en Galicia que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono de formación para as persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa por un importe de 1000 euros por contrato.

Nas catro edicións anteriores, esta iniciativa pioneira lanzada en 2016 ten permitido a contratación de 442 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. A estes súmanse os 25 profesionais de alta cualificación que foron contratados no marco do programa Talento Sénior a través das dúas primeiras edicións. En total son 467 contratos os apoiados entre ambos programas.

Estas dúas iniciativas están incluídas no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns de euros. Talento 2021 tamén inclúe accións como o programa Ignicia, que ten permitido crear ou manter máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos que achegan solucións ás necesidades tecnolóxicas das empresas galegas; ou o Oportunius, centrado na atracción e retención de investigadores excelentes, e das axudas aos investigadores para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2020