A Xunta de Galicia destina case tres millóns de euros a axudas para previr e paliar os danos provocados polo xabaril e lobo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as ordes polas que se convocan estas tres liñas de actuación, que no seu conxunto duplican o seu orzamento respecto da anterior convocatoria

A directora xeral de Patrimonio Natural avanzoulle aos representantes das organizacións agrarias a publicación das ordes destas axudas para previr é facer fronte ás incidencias que provoca a fauna salvaxe sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino e nos cultivos agrícolas

As axudas para paliar os danos ocasionados polo lobo e xabaril cobren os danos que foran denunciados a través do teléfono do 012 desde o 1 de outubro de 2019 para os danos ocasionados polo lobo sobre a gandería e do 11 de outubro para os ocasionados polo xabaril nos cultivos agrarios; mentres que para as axudas de prevención os interesados disporán dun mes para presentar a súa solicitude

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia destina case tres millóns de euros ás axudas para previr e paliar os danos que provoca a fauna silvestre, o lobo e xabaril, nas explotacións agrogandeiras da Comunidade. A contía global de 2020 significa duplicar o orzamento, respecto do reservado no exercicio anterior (1,4 M€).

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión con representantes das principais organizacións agrarias; aos que lles avanzou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas, polas que se establece unha contía de 400.000 euros para paliar os danos producidos polo lobo, o que supón un incremento do 14% con respecto á contía de 2019; 2.241.000 euros para as axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas, liña que se incrementa nun 176%; e, por último, unha contía global de 350.000 euros para prever os danos producidos por ambas especies, un 14% máis que na anterior convocatoria.

Na reunión trasladóuselles a inclusión de distintas propostas, que previamente foron formuladas por estas organizacións, e que unha vez avaliadas foron tidas en consideración á hora de publicar estas ordes de axudas.

As axudas de compensación de danos están dirixidas os/as propietarios/as do gando que resulte afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma inscritos no REGA (Rexistro de Explotacións Gandeiras) e os agricultores inscritos no REAGA (Rexistro de Explotacións Agrarias) ou os de explotacións agrarias de autoconsumo que foran afectados polos danos ocasionados polo xabaril. No caso das axudas para previr os danos producidos por estas especies, poderán ser beneficiarios tanto os titulares de explotacións gandeiras como agrícolas (incluídas as de autoconsumo). Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Estas axudas destinaranse a sufragar os danos producidos polo lobo que se teñan denunciado a través do teléfono 012 e que se teñan rexistrado desde o 1 de outubro de 2019 (e ata o 30 de setembro de 2020); así como os danos producidos polo xabaril comunicados desde o 11 de outubro de 2019 (ata o 10 de outubro de 2020).

No caso das axudas para previr os danos producidos por determinadas especies de fauna silvestre, deberán solicitarse no prazo dun mes contado a partir da data de entrada en vigor da orde de convocatoria. Poderán ser obxecto desta liña de axudas, a adquisición de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos, de cerrumes móbiles de malla electrificada e a adquisición de valados fixos electrificados ou de valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica.

Ao igual que en anteriores convocatorias, as axudas para paliar danos producidos polo lobo poderán incrementarse nun 30% cando se constaten nos concellos incluídos dentro da Zona I do Plan de xestión do lobo ou aqueles concellos nos que se ten constatado reincidencia de ataques nos últimos anos e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable. Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e animais abortados como consecuencia do acto de depredación.

En relación coas axudas para paliar os danos producidos polo xabaril, o importe variará en función do metro cadrado de superficie afectada e o tipo de cultivo: establecéndose en 12 céntimos para o trigo, centeo e pradería, 0,25 céntimos para o millo forraxeiro, 2,40 euros no caso da vide ou 3,25 para frutais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/02/2020