A Xunta mantén o seu compromiso coa dotación de equipamento e a formación das agrupacións de Protección Civil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe cos responsables das catro asociacións provinciais de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia

O investimento do Goberno galego en equipamento cedido aos servizos de emerxencias ascenderá aos 17 M€ no período 2015-2020

A AGASP imparte os cursos de formación básica obrigatorios para os novos membros das agrupacións e conta cun plan de formación semestral con módulos específicos

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe cos responsables das asociacións provinciais de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Galicia para abordar as actuacións que a Xunta seguirá a levar a cabo este ano para apoiar ao colectivo no seu funcionamento e no reforzo do seu equipamento de emerxencias, así como na formación dos voluntarios. Ao encontro tamén asistiu persoal de distintos servizos da dirección xeral e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Santiago Villanueva destacou que as agrupacións de voluntarios de Protección Civil actúan como un dos piares fundamentais no eido das emerxencias, en tanto que complementan e reforzan a rede profesional e contribúen co seu traballo desinteresado e altruísta a ofrecer a mellor resposta posible para garantir a seguridade dos cidadáns.

A Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento en medios materiais para reforzar o equipamento de emerxencias tanto das AVPC como dos os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Este ano a contía para estas entregas a ambos servizos de emerxencias acadará os 2 millóns de euros e sumarase aos 13 millóns investidos nos últimos anos, de forma que a aportación no período 2015-2020 superará os 15 millóns de euros.

O Goberno galego continuará ademais co apoio ao funcionamento das agrupacións, liña que neste mesmo período suporá unha achega de máis de 1,6 millóns de euros. Por tanto, o investimento da Xunta entre 2015 e 2020 para reforzar o equipamento e o funcionamento dos servizos de emerxencia da nosa comunidade ascenderá a preto de 17 millóns de euros.

A Administración autonómica continuará así a reforzar o equipamento das AVPC para que poidan levar a cabo as súas intervencións e labores de prevención de riscos en condicións de seguridade. O material destinado aos concellos abarca desde todoterreos pick-ups ata remolques e furgóns de emerxencias, embarcacións ou tendas de campaña.

Tamén se inclúen medios específicos para intervencións en condicións de climatoloxía adversa con nevaradas e xeadas, para actuacións de socorrismo ou na atención aos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo tanto de forma centralizada nas instalacións da AGASP como descentralizada en todas as provincias co obxectivo de achegar os cursos aos voluntarios e facilitarlles a súa participación.

A Academia organiza e imparte os cursos de formación básica obrigatorios para os novos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil e conta ademais con plans de formación semestrais. Estes plans inclúen cursos especializados para que os membros das agrupacións poidan actualizar os seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación no seu traballo diario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/02/2020