Ángeles Vázquez destaca a implicación cidadá como peza fundamental no quebracabezas da reciclaxe

A conselleira de Medio Ambiente salientou que unha axeitada xestión dos residuos urbanos tamén se acada fomentando un consumo racional e responsable, reutilizando os materiais o maior número de veces posible e participando activamente nos mecanismos de recollida selectiva

Recorda que a Xunta ten habilitados varios programas de axudas para que os concellos melloren cada día a xestión dos residuos, como é o programa de puntos limpos móbiles ou a posta en marcha de espazos municipais de reparación

Vázquez Mejuto destaca a participación da comunidade educativa de Melide na segunda edición do concursos Pilabot, unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e batería usadas

Melide (A Coruña) 8 de febreiro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a implicación dos cidadáns é unha das pezas fundamentais no quebracabezas da reciclaxe. Vázquez Mejuto participou hoxe nunha xornada sobre a xestión dos residuos, organizada pola Asociación Alecrín (Asociación de mulleres rurais da comarca de Melide), onde afirmou que a colaboración da cidadanía na redución da produción de lixo tamén se fomenta a través dun consumo racional e responsable, da reutilización de materiais o maior número de veces posible antes de convertelos en residuos e a través da súa activa participación nos mecanismos de recollida selectiva.

Neste sentido, afirmou que, mudando os nosos costumes e hábitos e fomentando estas prácticas responsables, acadarse que a porcentaxe de residuos sometidos a un tratamento final sexa menor, coas conseguintes vantaxes ambientais, económicas e sociais.

Explicou que na actualidade, a sociedade galega acada un aprobado en materia de reciclaxe de vidro, que se depositan no iglú verde; de papel e cartón, que se recicla no contedor azul; e de envases e envoltorios de plástico, latas e briks, que se depositan no contedor amarelo; pero sempre hai marxes de mellora.

Recordou que os cidadáns temos que ir acostumándonos ao contedor marrón, onde debe depositarse os restos de alimentos como peles de froita, espiñas do peixe, plantas, cáscaras de ovo ou pano de mesa ou papel de cociña usados, e a partir do cal se acadará compost, é dicir este biorresiduo pode aproveitarse como fertilizante e incluso como xerador de enerxía.

A Consellería, consciente da necesidade de implantar o quinto contedor, o Goberno galego puxo en marcha varios proxectos e iniciativas para a súa implantación, como son os catro proxectos demostrativos de xestión diferenciada da materia orgánica en concellos de distinta tipoloxía territorial. Así, en As Nogais, implantouse un programa de compostaxe doméstica; en Mondoñedo, apostouse por impulsar a compostaxe comunitaria dunha área do seu núcleo urbano; en Santa Comba, iniciará en breve a recollida da orgánica nun quinto contedor; e en Arteixo, vén de poñerse en marcha un proxecto de recollida a grandes produtores de biorresiduos. Tamén se teñen repartido máis de 4.500 contedores marróns entres máis de 40 concellos para que poñan en marcha a recollida selectiva da fracción orgánica.

Ángeles Vázquez salientou que educar ás novas xeracións é un aspecto fundamental, por iso de puxo en marcha un proxecto pioneiro, como é un programa de compostaxe escolar no que participan máis de 30 centros educativos da Comunidade. Con esta iniciativa achégase a compostaxe aos centros de ensino e mellórase a xestión dos residuos orgánicos xerados nos comedores escolares, ao tempo que se reforzan as condutas de protección e respecto polo medio ambiente no alumnado galego. Recordou que esta iniciativa é similar á posta en marcha por Sogama no ano 2014 o Programa de Compostaxe Doméstica, co que se distribuíron compostadores e se realizaron cursos de formación e tarefas de seguimento “porta a porta” en cada fogar participante, para acadar un compost de calidade que os usuarios poden usar como fertilizante orgánico nas súas hortas e xardín.

A modo de exemplo, tamén citou outra iniciativa dirixida á comunidade escolar, como é o concurso Pilabot, que xa suma unha segunda edición e na que participa o IES de Melide. Trátase dunha iniciativa que promove a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas entre os máis cativos e na que participan un total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. A finalidade deste concurso é concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental deste tipo de residuos. De feito, unha soa pila de botón das antigas pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de trinta persoas durante toda a súa vida.

Colaboración cos concellos

A conselleira de Medio Ambiente salientou que, a pesar de que a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, o Goberno galego ten habilitadas varias liñas de actuación para colaborar coas entidades locais, para mellorar os hábitos dos veciños. Así, hai subvencións para implantar a recollida selectiva e o tratamento diferenciado do biorresiduos, para implantar puntos móbiles e poñer en marcha espazos municipais de reparación e intercambio, que permitan establecer en toda Galicia establecementos municipais baseados na cultura do re-aproveitamento dos recursos e na co-responsabilidade da cidadanía.

En definitiva a xunta quere impulsar un cambio de paradigma na forma na que a sociedade se interrelaciona coa natureza, co fin de prever o esgotamento dos recursos, pechar os ciclos de enerxía e dos materiais e facilitar o desenvolvemento sostible; é dicir, avanzar cara ao modelo circular que require de innovacións ambientais tanto na forma de lexislar, como de producir e consumir.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2020