A Xunta lamenta que o Goberno lles negue aos galegos información oficial sobre o AVE e pregunta que ten que ocultar

A conselleira de Infraestruturas sinala que se pediu a comisión ao estar Galicia ante un retraso do prazo comprometido de rematar as obras a finais de 2019

Explica que se trata dunha fórmula que o propio Goberno de España creou con outras comunidades como Murcia ou o País Vasco

Puntualiza que as noticias dos últimos meses sobre os prazos son contraditorias e alarmantes e salienta que para os galegos non é o mesmo que o AVE chegue en 2021 que en 2022 ou 2023 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2020

A Xunta lamenta que o Goberno de España lles negue aos galegos información oficial sobre o AVE e pregunta que ten que ocultar.

Así o manifestou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras ter coñecemento a través dos medios de comunicación, da negativa do Executivo central a crear unha comisión de seguimento sobre as obras do AVE a Galicia.

Ethel Vázquez explicou que “se pediu esta comisión ao atoparse a comunidade ante un atraso evidente do prazo comprometido de rematar as obras a finais de 2019”.

Engadiu que “nos últimos meses, as noticias sobre os prazos son contraditorias e alarmantes”. Salientou que “para os galegos non é o mesmo que o AVE chegue en 2021 que en 2022 ou 2023”.

Cómpre lembrar que a Xunta está a requirir unha fórmula que o propio Goberno de España creou con outras comunidades como Murcia ou o País Vasco.

A este respecto, Vázquez Mourelle lamentou que o Goberno de España lle volva reiterar “un non a Galicia, do mesmo xeito que cada vez que a Xunta se interesa polas infraestruturas do Estado na comunidade”.

Recordou que o ministro de Transportes estivo hai 15 días na comunidade e non concretou o estado das obras do AVE, “unha opacidade total do Goberno coa que a preocupación de Galicia medra”.

Indicou que “agora está absolutamente confirmado que a Xunta tiña razón cando avanzou en novembro que as obras do AVE ían con atraso”. Non obstante, precisou que “o que teme o Goberno galego é que ese atraso sexa aínda maior e que o Goberno queira ocultalo”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/02/2020