O 061 de Galicia asistiu a 59 persoas por 46 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 7 de febreiro, ata as 23,59 horas do domingo, 9 de febreiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 61 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 10 de febreiro de 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 59 persoas debido a 46 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 7 de febreiro, ata as 23,59 horas do domingo, 9 de febreiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 20 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 61 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 46 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 59 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 54% e do 46% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 23% dos atendidos tiña 70 anos ou máis.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

22
Lugo
3
Ourense
6
Pontevedra
15
Galicia
46

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 68. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 55 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.

En 54 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 10/02/2020