A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, abordou co xerente da Área Sanitaria, Luis Verde, esta actuación á que se destina un investimento de 140.000 euros
A Xunta licita as obras de mellora dos aparcamentos, firmes e vías do Hospital Teresa Herrera da Coruña co obxectivo de que estean rematadas no mes de xullo

As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as súas ofertas

As actuacións buscan favorecer a mobilidade tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día a este centro hospitalario

Os traballos inclúen a mellora do firme da vía perimetral do hospital e actuacións en todo o seu percorrido, a execución dunha nova vía e zonas de aparcadoiro, ademais dunha beiravía adaptada a persoas con mobilidade reducida

Ademais, prevense actuacións na lavandería do Sergas, onde se reporá o pavimento existente, e se adecuará a entrada

Os traballos forman parte dun contrato máis amplo destinado a mellorar a accesibilidade nos hospitais da provincia da Coruña, cun investimento total de 1 millón de euros

A Coruña, 11 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia licita hoxe as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e vías do Hospital Teresa Herrera da Coruña co obxectivo de que estean rematadas no mes de xullo. Estes traballos están incluídos nun contrato máis amplo que prevé actuacións en diferentes hospitais da provincia, cun investimento total de 1 millón de euros.
As empresas interesadas nestas intervencións, ás que se destina un investimento duns 14.000 euros, teñen agora de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as súas ofertas.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, abordou hoxe co xerente da Área Sanitaria da Coruña, Luis Verde, os traballos previstos nos accesos do Hospital Terresa-Herrera, o Materno-Infantil.
Trátase de actuacións que suporán un investimento de 140.000 euros e que suporán mellorar a vía perimetral do Hospital, coa renovación do firme, a mellora das beirarrúas ou a habilitación de novas zonas de aparcadoiro, habilitando novas prazas de forma ordenada, e creando unha beirarrúa adaptada para persoas con mobilidade reducida.
O investimento previsto no Complexo hospitalario da Coruña ascende a case 200.000 euros tendo en conta as obras previstas tamén na lavandería do Sergas, onde se derrubará e repoñerá o pavimento, e se adecuará a entrada.
O obxectivo da intervención é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos dos hospitais na procura de favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/02/2020