Carmen Pomar inaugura Edugal 2020, o salón educativo que ofrece orientación e asesoramento académico ao alumnado

A novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia conta con 56 expositores nos que están presentes a FP, a universidade, diferentes centros de ensino, fundación e empresas colaboradoras da FP Dual, entre outros

Pontevedra, 12 de febreiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou esta mañá a novena edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, un lugar de encontro para o alumnado, os profesionais do ensino os centros de formación e as institucións educativas que exerce un papel de asesoramento e orientación ao alumnado á hora de escoller as súas opcións formativas de futuro.

En palabras da conselleira, encontros coma o do Edugal, no que se poñen en contacto os centros de formación e as empresas “fanse máis precisos que nunca, pois é a mellor vía para lograr unha educación de calidade que responda ás necesidades reais do mercado”.

“Para os estudantes, coñecer cales son as súas alternativas, ser capaces de valorar todos os factores e poder escoller entre unha ampla e variada oferta son claves á hora de acertar no que queren facer co seu futuro”, asegurou a conselleira, que subliñou que a educación “é a porta principal de acceso a ese futuro”.

Neste sentido, cómpre salientar que máis de 600 centros educativos dispoñen de servizo de orientación -todos os IES galegos contan como mínimo cun especialista propio- así como con equipos de orientación específicos de ámbito provincial.

Encontro ata o día 14

Promovido pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempre) co apoio da Xunta de Galicia entre outras entidades, o 9º Salón Edugal reúne 56 expositores no Recinto Feiral de Pontevedra nos que estudantes e familias poden informarse desde hoxe ata o día 14 das diferentes opcións de formación que se ofertan en Galicia. Na cita están presentes a FP, a universidade, diferentes centros de ensino, fundación e empresas colaboradoras da FP Dual, entre outros.

O obxectivo é proporcionar información e orientación académica para facilitar a elección dos estudantes sobre o seu futuro. Ademais dos expositores, o programa complétase con conferencias, charlas de orientación, obradoiros e demostracións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2020