Miranda centra a axenda da súa primeira viaxe do ano a Cuba en achegarse á situación da colectividade galega na illa

O secretario xeral da Emigración manterá encontros coas autoridades españolas e galegas no país e cos coordinadores de área que facilitan o desenvolvemento do programa de apoios económicos ás familias galegas no país

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a iniciar a axenda oficial da súa primeira viaxe do ano a Cuba, que centrará en achegarse á situación que vive a comunidade galega no país. Ao longo dos vindeiros días, o responsable autonómico manterá diversos encontros coas autoridades españolas e cubanas, así como con membros da colectividade galega residente na illa.

Miranda tamén dedicará a súa estadía na república cubana a seguir a evolución das necesidades da poboación galega que vive nas rexións máis afastadas da capital. As xuntanzas cos coordinadores espallados por todas as provincias de Cuba permitirán ao titular do departamento galego recibir unha completa actualización acerca da situación que atravesan.

Cuba é hoxe o terceiro país que acubilla un maior número de galegos, con 43.480 persoas, dos que menos do 10 %, 420, foron nados en Galicia e o resto son descendentes, nados xa no seu país de destino. Do total de galegos residentes en Cuba, 11.697 pertencen á provincia da Coruña, 14.922 á de Lugo, 13.473 á de Ourense, e 3.388 á de Pontevedra.
 

Data de actualización: 12/02/2020