O titular do Goberno galego participou na clausura do VI Encontro para directivos líderes: 100 Consellos para 2020
Feijóo destaca o compromiso colectivo dos galegos como elemento clave para converter Galicia nunha comunidade solvente, cumpridora e competitiva

Recoñece que grazas a ese compromiso Galicia foi capaz de superar a crise económica e continúa crecendo e creando emprego, non sen sortear dificultades

Asegura que “a combinación virtuosa de audacia, eficacia na xestión e o moitísimo sentidiño dos galegos”, fai tamén que Galicia sexa hoxe unha economía cada vez máis internacionalizadora

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso colectivo dos galegos como un elemento clave para converter Galicia nunha comunidade solvente, cumpridora, moderna e competitiva.

Durante a clausura do VI Encontro para directivos líderes: 100 Consellos para 2020, Feijóo lembrou que grazas a este compromiso, a Comunidade foi capaz de superar a crise económica e continúa crecendo e creando emprego, non sen sortear dificultades. “A intelixencia colectiva permitiu que non houbese unha fractura social como a que se produciu noutros territorios”, dixo, subliñando que este aspecto, xunto á seriedade no cumprimento das obrigas, fai que Galicia siga esixindo que se pague os máis de 370 millóns que se lle adebeda a todos os galegos.

“Os galegos non queremos unha nova senda de déficit, senón simplemente o que se nos debe”, abundou, incidindo tamén na importancia de asegurar o emprego industrial. Sobre este punto, referiuse, especialmente, aos 5.000 postos de traballo das empresas electrointensivas, á situación das familias afectadas polo peche da central térmica das Pontes e aos empregos do naval, un sector estratéxico que, por exemplo, na Ría de Ferrol quedará sen carga de traballo a partir do verán.

Ademais de avanzar tamén en eidos tan importantes como os servizos públicos, Feijóo aseverou que “a combinación virtuosa de audacia, eficacia na xestión e o moitísimo sentidiño dos galegos”, fai tamén que Galicia sexa hoxe unha economía cada vez máis internacionalizadora, atravesando o seu mellor ciclo exportador. Un dato que ademais expón á Comunidade como exemplo de estabilidade empresarial e de estabilidade institucional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2020