A Xunta destaca en Vigo a fortaleza da economía social en Galicia e pon en valor o traballo da Rede Eusumo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá na xornada ‘Informa, apoia e asesora en economía social’, dirixida a persoal técnico

O Goberno galego ten aberto o prazo de cinco ordes de axudas e dous premios cun orzamento global de 7M€

Vigo, 13 de febreiro de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá, na xornada Informa, apoia e asesora en economía social, dentro dos encontros que se están realizando en diversas localidades galegas co obxectivo de informar ao persoal técnico sobre os recursos, servizos e axudas existentes para as empresas de economía social.

Covadonga Toca destacou a fortaleza da economía social en Galicia, un sector que dá emprego a 25.000 persoas e agrupa a 74.000 como persoas socias, comuneiras ou mutualistas. A secretaria xeral tamén puxo en valor o traballo da Rede Eusumo que conta con 210 entidades adheridas -entre as que se atopan 150 concellos- ás que agradeceu a súa colaboración para impulsar este modelo. Ao longo da xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de afondar en aspectos fundamentais da economía social, así como de coñecer os recursos dispoñibles para poder asesorar nos procesos de creación e consolidación deste tipo de empresas.

A través da Estratexia Galega de Economía Social, a Consellería de Economía, Emprego e Industria xa ten activados 7M€ correspondentes a cinco convocatorias de axudas e dúas de premios cuxo prazo de solicitude está aberto. Trátase, en concreto, do programa Aprol Economía Social para apoiar ás cooperativas ou sociedades laborais para a incorporación de persoas socias. Tamén as axudas a empresas de inserción para apoiar o emprego de persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral; apoios ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo na realización de actividades para o fomento do cooperativismo e da economía social; así como axudas para o funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.

A principal novidade deste ano é unha iniciativa que apoiará a entidades sen ánimo de lucro con experiencia en programas de inserción para o deseño de proxectos de capacitación para o emprego dunha duración mínima de dous anos. Terá como finalidade a elaboración e implementación de itinerarios personalizados para facilitar a inserción laboral de persoas perceptoras da Risga ou integrantes da súa unidade familiar.

A estas convocatorias súmanse tanto os Premios á cooperación que cada ano recoñecen o labor das cooperativas, como o certame de Cooperativismo no ensino, tamén abertos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2020