A Xunta recuperará e poñerá en valor cada ano unha media de 10.000 HA agrarias a través de distintos mecanismos de mobilización de terras

“Este ano comezaremos coas primeiras 5.000 hectáreas”, di

Feijóo destaca que na actualidade existen preto de 50 peticións de aldeas modelo, das que 20 xa están en trámite e suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas

O conselleiro do Medio Rural destaca que a Xunta destinará neste ano 4,5 M€ para impulsar estas figuras de mobilización de terras, máis do dobre que o pasado ano
 

Boqueixón (A Coruña), 13 de febreiro de 2020

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a intención da Xunta de recuperar e poñer en valor unha media anual de 10.000 hectáreas agrarias entre as actuacións a executar nas aldeas modelo e os proxectos piloto de polígonos agroforestais e que se levarán acabo a través de distintos mecanismos de mobilización. “Este ano comezaremos coas primeiras 5.000 hectáreas”, engadiu.

A ese respecto, lembrou que a Xunta xa está a traballar na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Un texto que permitirá a aplicación inmediata de novos instrumentos voluntarios de mobilización e posta en valor, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta de terra ou as permutas de especial interese agrario.

Sobre este punto, Feijóo explicou que na actualidade existen preto de 50 peticións de aldeas modelo. Delas, sinalou, 20 xa están en trámite e suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas de 3.200 propietarios. E, ademais, engadiu, a Consellería do Medio Rural está a traballar en 6 aldeas modelo dos concellos do Incio, Boborás, Carballeda de Avia, Cenlle, o Irixo e Monterrei, co obxectivo de seguir incrementando estes datos ao longo deste ano para chegar a mobilizar máis de 1.000 hectáreas.

Do mesmo xeito, o titular da Xunta abundou na recuperación de 80 hectáreas de soutos tradicionais na Serra do Courel como exemplo dos novos modelos que se están a implementar para traballar na recuperación de terra e na prevención de incendios.

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que a Xunta destinará neste ano un total de 4,5 millóns de euros para impulsar estas figuras de mobilización de terras, é dicir, máis do dobre que o destinado no pasado ano 2019.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2020