Política Social licita o novo equipamento da escola infantil das Neves

As obras de traslado e acondicionamento da escola infantil comezaron o pasado mes de xuño e está previsto que rematen antes da Semana Santa

As actuacións permiten a consolidación das 20 prazas coas que conta a escola coas novas instalacións

As Neves (Pontevedra), 13 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia vén de publicar a licitación do equipamento para a nova escola infantil das Neves por un importe de 50.000€. Unha vez rematadas as obras de remodelación, o centro trasladarase á antiga casa do conserxe.

O investimento total nas actuacións é de 350.000 euros, dos que a Xunta, a través do Consorcio, achega 275.000 euros (un 80% procedente de Fondos Feder da Unión Europea); mentres que a cantidade restante, 75.000 euros, achégaa o Concello das Neves.

As obras permiten a consolidación das 20 prazas coas que conta a escola, xa que a dotará dunhas novas instalacións que mellorarán as condicións nas que se presta o servizo. A escola trasladarase do emprazamento actual, no edificio do centro de saúde, á antiga vivenda do conserxe no entorno do colexio, que está sendo rehabilitada integralmente.

A nova escola terá unha superficie de 161m2 que se repartirá entre diferentes espazos como un vestíbulo con zona para deixar os carriños, unha ampla sala de usos múltiples, aulas, espazos para o aseo, cociña ou almacén.

A previsión é que as obras rematen nas vindeiras semanas o que posibilitará aproveitar o período de vacacións de Semana Santa para o traslado da escola ás novas instalacións.

Data de actualización: 13/02/2020