A conselleira Carmen Pomar visitou a EASD Pablo Picasso, na Coruña
Educación convoca os Premios Fin de Carreira para titulados superiores de música, arte dramática, conservación e restauración de bens culturais e deseño

Como recoñecemento ao rendemento académico dos estudantes de ensinanzas artísticas superiores, que non estaban contemplados nas convocatorias anuais dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma

A Coruña, 13 de febreiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar, por primeira vez, os Premios Fin de Carreira para o alumnado que remata os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, que non estaban incluídos nas convocatorias anuais destes galardóns para titulados de ensinanzas superiores.

Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado venres, tal e como apuntou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, no decurso dunha visita institucional á EASD Pablo Picasso da Coruña, co fin de coñecer as instalacións deste centro e entrevistarse co equipo directivo.

O obxectivo destes Premios -que xa existen para o resto de graos universitarios- é que os estudantes de ensinanzas artísticas superiores de Galicia estean en igualdade de condicións e de oportunidades que o resto dos titulados universitarios no que atinxe á excelencia no rendemento académico e ao recoñecemento do seu esforzo, traballo e dedicación. Uns premios que ademais do recoñecemento oficial aos mellores expedientes académicos, levan aparellados unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros.

En total poderán concederse ata seis premios, a razón de 2 para as ensinanzas superiores de Música, outros 2 para ensinanzas superiores de Deseño, 1 para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Entre os requisitos (que poden consultarse no DOG) cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2018-19 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia ou polo sistema Chave365.

EASD Pablo Picasso, de longa tradición

Durante á súa visita a EASD Pablo Picasso, a conselleira Carmen Pomar destacou o alto grao de prestixio e profesionalidade desta Escola, así como a súa longa tradición histórica, xa que nela estudou os primeiros cursos Pablo Picasso antes de trasladarse a vivir a Barcelona.

Na actualidade a escola, que conta con 469 alumnos matriculados, oferta os Estudos Superiores de Deseño (título equivalente a grao universitario), Ensinanzas Profesionais de artes Plásticas e Deseño e Ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño nos ámbitos da Fotografía; Dourado, Prateado e Policromía; Escultura aplicada ao espectáculo; Técnicas Escultóricas, Cerámica Artística e Ilustración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/02/2020