Medio Ambiente convoca por 125.000 euros unha orde de axudas a entidades de pesca para actividades divulgativas e de vixilancia

Os interesados poderán solicitar as subvencións desde mañá e ata o 30 de marzo

A Xunta poderá aportar ata o 100% dos gastos subvencionables, que inclúen traballos de seguimento en tramos de río acoutados así como xornadas, charlas ou talleres que fomenten valores deportivos e ambientais, sobre todo entre os mozos
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a convocatoria dunha Orde de axudas dirixida a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola, dotada para este ano con 125.000 euros. Poderán acollerse a estas subvencións a partir de mañá e ata o 30 de marzo aquelas persoas xurídicas que teñan o nomeamento de entidades colaboradoras de pesca en vigor no momento de facer a solicitude e no do pago da mesma.

En base a estas axudas os beneficiarios poderán desenvolver, por unha banda, accións de vixilancia de tramos de pesca fluvial e pola outra, actividades divulgativas ou formativas encamiñadas a potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, como medida de fomento da actividade pesqueira.

Deste xeito, as accións subvencionables en materia de vixilancia fluvial comprenden aquelas realizadas sobre tramos acoutados e conveniados coas entidades de pesca beneficiarias. Este labor de control deberá exercerse mediante contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro e ata o 30 de setembro deste ano, e sempre por parte de vixilantes xurados de pesca fluvial.

En canto ás actividades de carácter divulgativo, inclúense xornadas formativas, charlas ou talleres que poderán incorporar a elaboración de material gráfico e a adquisición de equipamento de apoio para a realización das mesmas. Ademais, serán subvencionables os gastos directamente relacionados co fomento da pesca sen morte, o impulso do emprego das técnicas de pesca menos lesivas e a promoción, divulgación e fomento dos valores deportivos e medioambientais asociados a esta práctica, como o coidado e o respecto pola natureza, especialmente cando vaian dirixidas ao público máis novo.

Garantir o relevo xeracional

A través desta liña de subvencións, que non se convocaban en Galicia desde o ano 2015, a Xunta pretende apoiar e reforzar a vixilancia nos nosos ríos e tamén contribuír á divulgación dunha pesca fluvial máis sustentable, especialmente entre os cativos e os mozos para garantir o necesario relevo xeracional para este sector.

O crédito total dispoñible para a convocatoria deste ano ascende a 125.000 euros, distribuídos nunha partida de 110.000 euros para a subliña dedicada a subvencionar actuacións de vixilancia fluvial, e noutra de 15.000 euros para a destinada a actividades divulgativas ou formativas.

A axuda poderá alcanzar o 100% dos gastos subvencionables, aínda que cos seguintes importes máximos por entidade beneficiaria: 8.640 euros no caso de que a actividade subvencionable estea relacionada con accións de vixilancia e control sobre tramos fluviais, e 1.500 euros para a subliña de actividades divulgativas e ou formativas.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2020