O DOG publica as primeiras convocatorias que rexerán o primeiro proceso de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta

Trátase de cinco convocatorias e de máis de 1.300 prazas que figuraban nas OEP de 2018 e 2019

Poderán participar aqueles traballadores que xa son persoal laboral fixo con contrato na Xunta nas categorías e postos indicados nas propias convocatorias

Os profesionais que se convertan en funcionarios seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas

Os empregados públicos interesados en participar nos procesos terán 20 días hábiles para formalizar a súa solicitude
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá as primeiras convocatorias que rexerán o primeiro proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. Son cinco convocatorias e un total de 1.322 prazas que figuraban nas Ofertas de Emprego Público (OEP) de 2018 e 2019.

Trátase dun proceso restrinxido no que poderán participar aqueles traballadores que xa son persoal laboral fixo con contrato na Xunta e que pertencen a algunha das diversas categorías e postos indicados nas propias convocatorias. Na súa maioría é persoal laboral fixo que xa manifestou expresamente o seu interese en transformarse en persoal funcionario con ocasión do proceso extraordinario para a carreira profesional.

En concreto, o DOG recollerá as convocatorias para funcionarizar 131 prazas de persoal laboral do grupo I no grupo A1 de persoal funcionario; 308 do grupo II de laborais a funcionarizar no grupo A2; 164 prazas de persoal laboral do grupo III para funcionarizar no grupo C1 de persoal funcionario; 493 do grupo IV para funcionarizar no grupo C2 de persoal funcionario; e finalmente 226 prazas de persoal laboral do grupo V a funcionarizar na agrupación profesional de persoal funcionario (AP).

O proceso selectivo que deberán superar será o de concurso-oposición, tal e como se establece no Estatuto do Empregado Público (EBEP). En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario pois non é un proceso competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre. Estes profesionais seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas.

Os empregados públicos interesados en participar nestes procesos terán 20 días hábiles -a partir do seguinte da convocatoria no DOG- para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet.

Primeiro proceso funcionarización

Este é o primeiro proceso de funcionarización que se realiza na Administración galega e está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT a principios de 2019. É un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico.

A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia, para eliminar así a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 16/02/2020