Aberto o prazo de solicitude de axudas para que os particulares instalen proxectos de biomasa en zonas rurais

Os interesados teñen un prazo dun mes para acceder a estes apoios que permitirán chegar a 180 beneficiarios, cun aforro económico de 110.000 euros e enerxético de 270.000 litros de gasóleo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020

A Xunta, a través da Consellería de Economía Emprego e Industria, informa da apertura do prazo para a presentación de solicitudes de axudas para a instalación de proxectos de biomasa en zonas rurais por parte de particulares.

Cun orzamento de preto de 950.000 euros cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), os apoios están destinados a particulares e comunidades de veciños coa finalidade de promover instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen a biomasa como combustible -en concreto caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible do grupo B2 (desde 250 litros ata 1000) e B3 (máis de 1000 litros)- e que se desenvolvan en zonas rurais.

As entidades colaboradoras adheridas serán as encargadas de tramitar todo o procedemento, no que se outorgarán por concorrencia competitiva axudas cunha intensidade máxima da axuda do 50% e de 60.000 euros por iniciativa.

Con estas axudas está previsto apoiar un total de 180 proxectos que permitirán un aforro económico de 110.000 euros e enerxético de 270.000 litros de gasóleo.

Ademais, ata o 20 de febreiro continúa aberto o prazo para acceder ás axudas de eficiencia enerxética na industria e servizos para desenvolver proxectos de auditorías, implantación de sistemas de xestión e aforro e eficiencia enerxética. O obxectivo é mellorar a súa competitividade grazas á redución da factura de enerxía; así como promover a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. A contía da axuda será do 35% no caso das grandes empresas, do 45% para as medianas e do 50% no caso de pequenas compañías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2020