Medio Ambiente destaca o papel dos administradores de fincas para mellorar a calidade de vida e os servicios ás comunidades de veciños

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausura as II Xornadas galegas Teresa Cotelo Souto, onde salientou a importancia de que os cidadáns coñezan as axudas públicas para mellorar as súas vivendas

Recorda que ao longo deste trimestre o Diario Oficial de Galicia publicará todas as liñas de axudas á rehabilitación, accesibilidade, aforro enerxético e mellora da calidade dos inmobles

A Coruña, 15 de febreiro do 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá o papel dos Administradores de Fincas para mellorar a calidade de vida e os servizos das comunidades de veciños. Ángeles Vázquez clausurou hoxe as segunda xornadas Teresa Cotelo Souto, organizadas polo Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, onde recordou que recentemente tivo o privilexio de coñecer como o traballo deste colectivo permitiu que unha comunidade de propietarios sumase esforzos e se beneficiara dunha axuda para a instalacións dun ascensor, un traballo que agora se visualiza no feito de que seis veciños de avanzada idade melloraron a súa calidade de vida, pois agora poden saír a rúa dun xeito más sinxelo e accesible.

Argumentou que -como xa ten manifestado noutras ocasións- as axudas que establece a Administración teñen por finalidade chegar aos destinatarios, polo que os administradores de fincas “son un colectivo que serve de vector ou de canle de difusión” para dar a coñecer as axudas públicas entre os posibles solicitantes, así como a axudalos a desgranar a tramitación necesaria.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que o Goberno galego ten varias liñas de acción, pero todas cun obxectivo común: mellorar o acceso ás vivendas aos cidadáns. Destacou o esforzo que cada ano se fai para mobilizar investimentos que permitan poñer en marcha programas de rehabilitación, de mellora da accesibilidade, da sostibilidade edificatoria, así como de aforro enerxético; sen esquecer os programas de acceso á vivenda en alugueiro. “Más de dez liñas de axudas e incentivos que se convocará ao longo deste primeiro trimestre” para axudar aos galegos a mellorar a súa calidade de vida e para facer de Galicia un lugar no que medrar, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2020