A Xunta súmase á homenaxe a Domingo García-Sabell tributado pola Irmandade da Sanidade Galega

O secretario xeral de Política Lingüística lembrou o papel do médico galego no ámbito sanitario e as repercusións que isto ten para o prestixio da propia lingua e a mellora da atención ao paciente

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á homenaxe que a Irmandade da Sanidade Galega lle tributou ao médico galeguista Domingo García-Sabell no marco da súa IX asemblea anual.

Valentín García lembrou que o doutor García-Sabell “foi un firme defensor do uso do galego na atención médica porque se decatou da importancia que tiña para un bo diagnóstico e para a calidade da asistencia sanitaria en xeral o falarlle ao paciente no seu idioma”. “Non só iso”, indicou o secretario xeral, “senón que o uso do galego no ámbito sanitario ten tamén repercusións positivas para a propia lingua, porque a profesión médica goza dun prestixio que se traslada ao idioma que os seus profesionais empregan”.

García Gómez indicou tamén que, “se ben queda moito camiño por andar nesta vía que abriu, entre outros, o doutor García-Sabell, tamén se ven avances e xa van quedando atrás os tempos en que a xente non se atrevía a dirixirse ao médico na lingua propia de Galicia, tal e como mostra o feito de que, segundo os últimos datos do IGE, máis do 46% da poboación lles fale sempre ou habitualmente en galego aos doutores”.

Os actos comezaron co descubrimento dun busto do doutor homenaxeado realizado polo escultor José Morales nos xardíns da rúa que leva o nome do ilustre médico galeguista e continuaron no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, onde se celebrou a incorporación de 28 novos membros á Irmandade da Sanidade Galega e onde o profesor Ramón López Vázquez, estudoso das achegas científicas do doutor García-Sabell, disertou sobre a súa figura.

A Irmandade da Sanidade Galega é unha plataforma de profesionais da sanidade que ten como obxectivo único fortalecer o galeguismo e o humanismo como instrumento para comprender a idiosincrasia do doente, facendo fincapé na valoración positiva e uso da lingua galega na relación cos usuarios e usuarias dos seus servizos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/02/2020