Miranda traslada á colectividade en Cuba os programas de actuación que teñen a súa disposición

O secretario xeral da Emigración resalta as oportunidades de retorno que ofrecen moitas destas iniciativas

Resalta aquelas destinadas á mocidade como as BEME, o Conecta con Galicia ou as Escolas Abertas que permiten aos mozos do exterior “coñecer a terra dos seus pais e avós”

A Habana (Cuba), 15 de febreiro de 2020

O secretario xeral da Emigración puxo hoxe fin á súa primeira viaxe institucional do ano a Cuba cun acto coa colectividade na illa celebrado no Centro galego da Habana, durante o que trasladou aos participantes os distintos programas de actuación que cada ano desenvolve o seu departamento.

Neste marco, o secretario xeral resaltou as oportunidades de retorno que ofrecen moitas destas iniciativas Miranda, poñendo en valor aquelas destinadas á mocidade como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que abrirán en próximas datas unha nova convocatoria ofrecendo a oportunidade de volver á súa terra a 250 mozos do exterior para cursar aquí os estudos de posgrao e FP; o Conecta con Galicia ou as Escolas Abertas, que permiten aos mozos do exterior “coñecer a terra dos seus pais e avós”.

“O Goberno galego ten tamén a mirada posta nos mozos, os fillos e netos de galegos que seguen defendendo as tradicións e as costumes da terra dos seus antepasados, e que están dispostos a retornar a ela para empaparse das súas raíces”, salientou.

Así mesmo, o secretario xeral da Emigración aproveitou tamén o encontro para explicar ás familias galegas residentes no país centroamericano os diferentes programas de actuación do seu departamento aos que poden ter acceso. Unhas liñas entre as que salientou as axudas económicas individuais.

“Cuba ten sido sempre unha das nosas prioridades, e máis no eido asistencial”, subliñou o titular do departamento autonómico, quen neste eido lembrou tamén outro tipo de apoios aos que ten acceso a colectividade, como as axudas extraordinarios para os galegos retornados, ou a extensión da Tarxeta Benvida a este mesmo colectivo.

Data de actualización: 15/02/2020