O 061 de Galicia asistiu a 68 persoas por 45 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 14 de febreiro, ata as 23,59 horas do domingo, 16 de febreiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 56 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 17 de febreiro de 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 68 persoas debido a 45 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 14 de febreiro, ata as 23,59 horas do domingo, 16 de febreiro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 20 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 56 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 45 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 68 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 68% e do 32% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 27% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 16 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

16
Lugo
7
Ourense
5
Pontevedra
17
Galicia
45

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 71. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en seis accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 55 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.

En 60 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en sete ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 17/02/2020